Novoneyra en xaponés

A gran literatura é patrimonio universal. É sabido que a escrita de quilates resulta sempre un galano para calquera lector, sexa este de onde sexa, pero non é menos certo que para que tan feliz circunstancia teña lugar hai que ser quen de entender o idioma no que esta ou aqueloutra marabilla literaria foi codificada e a maioría dos mortais apenas se dominamos unha, dúas, tres ou catro linguas, no mellor dos casos. Por iso é tan valioso o papel dos tradutores, eles son o lázaro que nos guía na nosa cegueira idiomática, abríndonos a posibilidade de acceder a obras creadas en falas que descoñecemos.

Se o anterior serve para explicar a importancia do traslado de clásicos de toda parte á nosa lingua tamén funciona pola viceversa: só será posible que os lectores de todo o mundo descubran e aprecien a innegable calidade de moitos dos nosos autores se eses mediadores heroicos que son os tradutores tenden as pontes necesarias para darnos a coñecer.

Vén isto ao caso pola recente tradución do poemario Os eidos ao xaponés da man de Takekazu Asaka, o mellor coñecedor da nosa literatura nas terras do sol nacente. Asaka, profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku (Kodaira, Toquio), leva en contacto coa nosa lingua e a cultura dende mediados dos anos 70 e xa vai para as tres décadas que vén visitando todos os veráns a nosa terra. Froito da súa galegofilia teñen nacido diversos traballos de carácter lingüístico e, sobre todo, o primeiro vocabulario galego para xaponeses e a primeira gramática de noso para nipóns, da que acaba de se publicar unha nova versión co título Nova gramática galega (2016).

Pero ao profesor Asaka debémoslle moito máis. Mercé ao seu infatigable labor poden hoxe lerse en xaponés os Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014) de Rosalía de Castro, a Cantata a Ramón Cabanillas (2013) ou os versos do Xograr Martín Codax (2015). Pois ben, a este poderoso florilexio literario sumouse hai nada a poética de Novoneyra a través da tradución da que é, sen dúbida, a súa obra máis emblemática: Os eidos.

Obra cimeira da poesía galega de Posguerra publicada orixinariamente en 1955, Os eidos condensa o máis característico da escrita do autor, quen espella nela a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia, e isto tanto na súa dimensión material coma inmaterial, igual no que di da xeografía que da meteoroloxía, botánica ou zooloxía, sen desbotar tampouco a dimensión cósmica e pannaturista.

Esta edición vertida por Asaka incorpora, amais, un excelente prólogo dun dos máximos especialistas na obra do courelao, o tamén poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, quen en breves pero acaídas liñas traza un precioso mapa para ben nos situar no universo novoneyriano.

A maiores, Asaka enriquece a súa tradución cun glosario final de termos de difícil comprensión para o público nipón e unha “Coda” na que explica a súa xenuína visión da escrita do do Courel e dá razón do trato amigable que a el o uniu.

Publicada baixo o selo de Kakenhi, esta edición ―que conta cunha moi suxestiva cuberta do artista Xosé Vizoso― non fai senón deitar en xaponés uns versos que, como teñen analizado varios estudosos, amosan connaturalmente unha innegable conexión coa lírica oriental dos haikai. O propio Novoneyra ten salientado isto en diversas ocasións e mesmo se achegou na súa escrita ao espazo literario de Oriente; así en 1995, cando publicou Camelio xaponés, onde tres poemas seus foron traducidos a esta lingua por Ayako Sugitani, de quen el versionou en galego sete ‘xiikas’.

Por tanto, a presente tradución do poemario Os eidos é unha outra regalía que cómpre agradecerlle por sempre a Takekazu Asaka, o ‘embaixador da cultura galega en Xapón’, como certeiramente o definiu o seu amigo e colega Francisco Fernández Rei. O seus desvelos por darnos a coñecer como pobo e como literatura en tan lonxincuas terras teñen de ser recoñecidos por todas as galegas e os galegos de ben. Así o fixo recentemente a RAG, quen atinadamente o nomeou académico correspondente. Oxalá tras deste veñan outros moitos recoñecementos. Beizón, profesor Asaka, por todo canto pola irmandade nipogalega leva feito. Que non nos falten as súas traducións e traballos nos vindeiros anos, nin tampouco a súa presenza nas nosas terras, onde os seus amigos e admiradores sempre han saber recibilo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 6-8-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega, Tradución e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Novoneyra en xaponés

  1. Moi boas novas para as nosas letras!! Cada vez máis universais!!
    Moi agradecidos ó profesor Asaka

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *