O Vindel e outras reciclaxes

Nestes días, Vigo converteuse nunha das cidades de referencia para a peregrinación literaria. A chegada á cidade olívica dende a Morgan Library de Nova York do prezado Pergamiño Vindel (manuscrito de finais do século XIII que contén sete cantigas de amigo de Martin Codax coa súa notación musical) é un acontecemento de primeira orde, por canto regresa á súa orixe un dos textos matrices da nosa historia literaria, vale dicir da nosa cultura, da nosa existencia como pobo con lingua de seu.

Este extraordinario documento é un curioso exemplo de reciclaxe literaria, pois o soporte físico que o alberga (un folio de pergameo de 340 x 450 mm.) serviu durante séculos como forro para a encadernación dun códice do século XIV que contiña De officis de Cicerón e nese desempeño se atopaba cando foi descuberto, en 1914, polo libreiro anticuario Pedro Vindel, de aí o nome co que a partir de entón se coñeceu.

A práctica da reciclaxe literaria foi moi común dende a Antigüidade ata a fin da Idade Media e non só afectou ás encadernacións de obras. Existe tamén todo un continente filolóxico somerxido conformado por manuscritos denominados palimpsestos, códices dos que se eliminou a súa primeira escritura (scriptio inferior) mediante lavado ou raspado para poder transcribir por riba un segundo texto (scriptio superior).

Entre os gregos e os latinos era moi común este proceder e o propio termo ‘palimpsesto’ aparece amentado en obras de Catulo, Cicerón ou Plutarco. Os palimpsestos ou reescritas literarias leváronse a cabo en papiro (fican algunhas mostras notables nas que se recuperaron textos de Menandro ou versións da Odisea), mais onde realmente inzaron foi entre os pergameos medievais. Este feito ten doada explicación se se pensa que os coiros traballados resultaban un material caro, pois a confección dun só códice requiría o esfolado de moitas reses. Por iso os scriptorii medievais e, logo deles, as nacentes universidades tiñan sempre reserva de códices que consideraban reutilizables, pois a súa escrita inicial deixara de interesar por diversas razóns (poño por caso: descoñecíase a lingua na que foran redactados, eran textos técnicos obsoletos, xa non estaban á moda literaria ou tiñan unha letra de difícil lectura). Mesmo houbo profesionais que chegaron a adquirir moito renome na preparación de palimpsestos, como Xurxo Baióforo, copista que na Constantinopla de primeiros do XV creou unha auténtica factoría destes produtos reciclados.

Por fortuna, mercé a diversas técnicas de recuperación textual que foron mellorándose ao longo do tempo (dende os reactivos químicos iniciais ata as actuais dixitalizacións multiespectrais, pasando polas lámpadas de raios ultravioletas e técnicas fotográficas diversas), son moitos os centos de palimpsestos ou codices rescripti que hoxe se conservan. Talvez o máis famoso sexa o Palimpsesto de Arquímedes, que contén varios textos deste matemático xenial, entre eles o Método dos teoremas mecánicos, copia única no mundo que se salvou grazas a que o códice que o gardaba foi reaproveitado a fins do XII para reescribir nel textos litúrxicos.

Outros palimpsestos notorios son a copia da De re publica de Cicerón que se agochaba baixo as Enarrationes in Psalmos de Santo Agostiño reescritas no s. IV; as Institutiones de Gaio que ocultaban algúns escritos de San Xerome do s. V; ou a Lex Romana Visigothorum, que durmía baixo o Tractatus de viris illustribus, tamén de San Xerome, copiado no s. VI.

Alén dos palimpsestos existen outros produtos librarios singulares que poden considerarse tamén reciclaxes por canto a súa finalidade foi reaproveitar, dunha ou doutra maneira, os soportes da escrita. Así acontece coas marginalia, anotacións á beira dos textos que engaden comentarios ou mesmo paráfrases a documentos previamente fixados e que, por veces, acabaron por ser máis importantes ca estes, como as Glosas Emilianenses e Silenses (s. X).

Encadernacións galegas de luxo

Para o caso galego, as reciclaxes máis célebres son as que transformaron follas voantes que contiñan manuscritos da nosa lírica medieval en forros de encadernación. Así acontece co Pergamiño Vindel, que pasou de mans do seu libreiro descubridor ás do diplomático español Rafael Mitjana, das deste ás do bibliófilo Otto Hass, logo ás do seu colega Albi Rosenthal e, tras medio século sen saber del, acabou nos anos 70 na Morgan Library, que agora o cede para a súa exposición na viguesa Casa do Mar.

Outra mostra de xenuína reciclaxe literaria constitúea o Pergamiño Sharrer, achado en xullo de 1990 polo estudoso estadounidense Harvey L. Sharrer na Torre do Tombo, en Lisboa. Esta folla de pergameo de fins do XIII ou principios do XIV figura escrita por ambos os lados e ten un tamaño considerable (521 x 302 mm.). Contén fragmentos de sete cantigas de amor do rei Don Denís, ás que engade notación musical. Pois ben, no momento da feliz descuberta este pergamiño servía de capa para un anódino rexistro de documentos notariais lisboetas do século XVI.

[Faro de Vigo, 5-10-2017]

Esta entrada foi publicada en Literatura insólita e etiquetada . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *