Verdades que doen

A andaina como narradora de Celia Díaz Núñez vai asemellándose cada vez máis aos bos caldos: canto máis pasa o tempo, mellor padal deixan.

No seu día lin con agrado Adeliña (2003) e Cataventos e cía (2004), pensadas para os máis novos. Logo mergulleime na xuvenil Rugando (2012), que comentei, e algo despois en Velaí vai o papaventos (2014), da que tamén dei positiva conta, como o fixen hai nada con A boca do monte (2016), atractiva narración histórica que era ata hoxe a súa última achega, pois xa anda polas librerías do país Unha verdade amarga, a primeira das súas obras que ve luz na colección Literaria de Galaxia.

Díaz Núñez explora nesta súa novela o complexo e decote sorprendente territorio das relacións familiares. Abonda unha variación no intricado trato coa parentela para que todo ese mundo se reconfigure e, como nun efecto dominó, acabe derrubándose por completo.

Neste caso é a demanda de paternidade que cursa un dos personaxes a que arrastra dúas familias ao enfrontamento, ao tempo que reabre vellas feridas, descobre segredos enterrados na noite dos anos e destapa desencontros, débedas por saldar e moito rancor acumulado.

Mais Unha verdade amarga é tamén unha novela de indagación psicolóxica, que non desbota algunhas pingas de thriller e mesmo de relato amoroso, nun cóctel ben mesturado que se serve en prosa de cristal fino, deixando que respiren os tempos, caracterizando con acerto as reaccións e condutas e tecendo con solidez unha arañeira relacional que cómpre percorrer para chegar ao corazón do labirinto, a razón última que move os personaxes: a procura da verdade, da identidade propia e a salvagarda da memoria.

Na trama ben urdida de Díaz Núñez nada é o que de primeiras parece e as reaccións dos distintos familiares esconden sempre máis do que pode sospeitarse. Mesmo a raíz dalgúns procederes actuais ten de ser buscar en feitos acaecidos durante a Guerra Civil, pois hai mancaduras que non estiñan e deixan un resaibo agre que escurece o presente dos personaxes.

O sentimentos máis primarios como a envexa, a cobiza ou a xenreira tinguen os días destas familias enfrontadas, mais hai tamén na novela espazo para a tenrura e os afectos, para a inocencia do amor que se abre paso malia a todo.

Porque este é un relato contado co pulso de quen sabe que no meco por cada frase, na palabra precisa que revela o pensamento decisivo dos personaxes está o pulso vital da narración, o fluír rítmico que precisan as boas historias para discorrer con firmeza ata o delta final, un estuario de emocións e epifanías que conseguen facernos comprender a sutileza e a tensión que cose as familias con fío de sangue.

 

A verdade aceda que anuncia o título é tan necesaria como inevitable e, segundo a posición que cada personaxe ocupa no taboleiro, vólvese unha beizón ou unha condena, mais nunca un feito indiferente.

Por iso mesmo, pola capacidade para transmitir o desacougo íntimo no que viven os diferentes personaxes, por ser quen de retratalos na súa particular loita contra o Destino e espellar a súa dolorosa humanidade esta historia de Celia Díaz Núñez constitúe unha achega de valía que paga a pena ler demoradamente.

Á vista da progresión desta narradora, estou certo de que Unha verdade amarga é froito madurecido nunha andaina que seguirá dándonos alegrías e desafiando novos retos literarios.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 13-8-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *