Poética madurecida

Intérnome na lectura do Libro das abandonadas de Xosé Luís Franco Grande coa seguranza de atopar nel a dicción temperada de quen canta con anos do mellor oficio. Vou na procura das faíscas que a luz calma da veteranía imprime adoito á escrita e dou ben pronto con elas.

Os versos de Franco Grande fanse aquí un estuario melancólico, delta dolorido que recolle as augas todas das refugadas pola vida e o amor. Tres seccións poéticas e unha cauda. A terna, dedicada a “A abandonada filla do mar”, “As abandonadas viúvas de vivos” e “As amantes abandonadas”. A coda, “Tres inscricións para gravar nas campas de Gaspara Stampa, Mariana Alcoforado e Marylin Monroe”, tamén elas, nun ou noutro sentido, mulleres ás que deixaron.

Ábrese este Libro das abandonadas con dúas citas de Rainer Maria Rilke. A primeira do poema cabezaleiro das Elexías de Duino, xustamente centrado na figura da escritora do Cinquecento veneciano Gaspara Stampa, quen logo dun tórrido romance de tres anos co conde Collaltino di Collalto, foi abandonada por este e acabou emparellando cunha francesa. Tal desatendemento é do que se laia nas súas Rime (1554), “solingo totorella in secca rama”, como lembra Franco Grande no soneto que lle dedica nas “Tres inscricións…”, pechando así a estrutura esférica deste libro.

Mais non só Rilke, senón, sobre todo, Rosalía é a voz que ecoa nas febras deste volume. E non só porque as súas viúvas de vivos dean nome a un bloque enteiro do libro, como o dá La hija del mar a outro, tamén porque a súa negra sombra e todo o desamparo que destilan tantos poemas de Follas novas teñen o seu espello en homenaxe nestas páxinas de Franco Grande.

“A abandonada filla do mar” é un doído canto á orfandade, á nena que perdeu o norte vital nte a ausencia da proxenitura. Perplexa, sen respostas para tanta dor que a súa inocencia non provocou, interroga á vida para coñecer os porqués e magóase do triste destino, da sombra ominosa desa non presenza que sempre a acompañará.

Da súa parte, “As abandonadas viúvas dos vivos” recunca no tema migratorio e a desaparición dos maridos alén mar. As heroicas mulleres, desabrigadas e sen aconchego amoroso, teñen de facer fronte á vida persoal e familiar en soidade, mais non se resisten a clamar ao mar, interrogándoo polo paradoiro e estado do compañeiro, nunha sorte de nova barcarola ou mariña que reitera a angustia da distancia e a incerteza.

Doutra banda, “As amantes abandonadas” profunda na dor que trae á muller a ruptura co amante, ese baleirado da esperanza, abatida polo apagamento dun amor que, ao final, se sabe non correspondido, unha farsa na que el traizoou o agarimo dela, que vive lacerada pola lembranza da paixón, mais sabedora de que non hai camiño de volta ante tanta iniquidade, tanta falsidade e ingratitude del.

Por remate, as “Tres inscricións…” supoñen unha coroa ou epítome de non poucas das liñas principais que os poemas previos foron desenvolvendo. Alén da circunstancia evocada de Gaspara Stampa, á que xa me referín, acoden aquí a imposible vivencia do amor da monxa do XVII portugués Mariana Alcoforado, quen namorou do Marqués Noël Bouton de Chamilly tras velo desfilar a cabalo e, logo dun breve encontro, perdeu con el todo contacto, devecendo o resto dos seus días polo seu amor imposible, que expresou nas xeniais Cartas portuguesas. Igualmente, os versos dedicados a Marylin preséntannola como unha muller tantas veces emparellada pero, no fondo, incomprendida e soa, descoñecedora do amor auténtico.

Podería estenderme para gabar a mestría no dominio dos metros e fórmulas de Franco Grande, o seu inesgotable repertorio léxico ou a súa habelencia para a suxestión a través da imaxinería do poema, mais abondará aquí dicir que é a obra madurecida de quen domina por igual estética e mensaxe.

Se a todo o dito se lle suma a primorosa presentación do poemario disposta por Teófilo Edicións (co libro envolveito nun estoxo para xoias e todo impreso en elegante negro con letras en prata e cinta de lectura púrpura), penso que non ficará dúbida da pertinencia de facerse con este Libro das abandonadas, literatura que tanto move cordial coma reflexivamente e todo un obsequio para os sentidos, óllese por onde se olle.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 27-8-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *