A alma en pé

Leo Para que eu beba de Luís Valle e sinto unha explosión mineral terebrándome todos os órganos. A poesía deste lucense é calquera cousa menos liviá, un auténtico tour de force para a comprensión do artefacto literario que esixe da complicidade extrema do lector. Alta simboloxía, densificación extrema, plurivocidade definitoria, complexa pragmática.

Teño escrito noutras ocasións sobre a poética de Valle, sobre a súa depuración ascensional, ese ir degraendo significados e significantes ata cristalizar nunha concentración comunicativa extenuante, que esixe a (re)lectura constante e contextual, (in)formada e (inter)textual, estratificada e (meta)literaria e onde resulta decisivo non só o que se di e como se di, senón o que non se di e se adiviña e tamén o que talvez fica no silencio porque o único modo de verbalizalo é a intuición sen palabras.

Para que eu beba nace dunha experiencia ben concreta e dolorosa: o pasamento, tras unha longa e agónica doenza, do pai do escritor. Por tanto, este libro é, en non poucos sentidos, un exercicio de expiación literaria, tamén unha intensa elexía que rexistra a doída andaina vivida a carón do proxenitor no seu tempo derradeiro.

Consecuentemente co anterior, hai nestes versos unha contención expresiva que vai lañando as verbas ata espilas en carne viva. As horas, a luz, os lugares adquiren nova significación porque a conciencia da finitude, a inminencia da fin, tíngueos coa anilina da irremisible perda.

Apenas se hai nos poemas lugar para o acubillo esperanzado, son un vórtice de anguria destilada, un remuíño palpitante que xira e xira no seu océano de fel, unha dor tan fonda que supura e non estiña.

O poeta sente as agullas chantadas no centro mesmo da ánima, o medo atafegando o corpo e os ollos do pai nunha acordanza que ancora “na matriz da pedra, ata o suicidio das ondas”. Mesmo se dá unha prognose fatal ou recoñecemento do fatum, sempre inevitable: “souben da túa morte antes da túa morte, cando o sol ouleou coma un mastín cara aos teus ollos e acendeu nos meus grandes fogueiras”. Por iso a agarda é decote vixilia, o relampo unha luz escura do ser visible e invisible e a morte “medra en círculos de campá” e o pranto “esgota na cidade a dozura das pervincas”.

As imaxes vólvense no poemario de Valle unha alucinación, un fado negro, goyesco, case surreal, unha sorte de ricto que torce o rostro e desencaixa a face, o recoñecemento da derrota, dos paxaros vencidos, da neve a borralo todo, o ollo do ser devastado: “testículo encostrado da alborada: drósera, groseira, espanto. A luz cingue nel vastos imperios de cinza”.

Nestas páxinas os poemas non versais conforman unha ladaíña desesperada, un labirinto de resignacións e límites e procuras insondables da razón do acabamento. Porque a vida doe. Demasiado. Terriblemente: “Camiño pola palabra sen beizos coa razón pegada ao veo. Enrolo a vida coa forza da luz que no espello roto ouriña a lúa. As agullas moven os fíos cara á ciba dos estafados. Eu sosteño, con dor, sobre as augas, a alma en pé”.

Velaí o corazón deste Para que eu beba: flutuar e non afundir, soerguer sobre as ondas dun universo que esmorece a alma en pé ata ser quen de, nun novo wake up, proclamar no alustro do consciente: “Coloco as tibias. Abotoo a vida. Escribo na miña respiración a palabra F I N. Vacante de ti, separando as letras”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-11-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.