Dezaoitesca

Un dos tópicos máis enraizados da literatura galega é o que espallou a falsa idea de que entre os séculos XVI e XVIII a nosa escrita “practicamente desapareceu” e que a produción literaria dese período é o espello dun ermo ou deserto no que letra ningunha solece, ata o punto de que durante moito tempo se denominou —e aínda hai quen teima en seguir facéndoo— “Séculos Escuros” a esa etapa da nosa historia.

A verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade é que durante eses trescentos anos o cultivo escrito da nosa lingua foi a menos, pois as condicións de todo tipo non o favoreceron. Mais de aí a proclamar estados preagónicos ou de case extinción media un mundo.

Por fortuna, as investigacións dos últimos anos están axudándonos a descubrir e recuperar moito dese legado ata agora perdido ou esquecido, demostrando que os “Séculos Escuros” non eran nin un buraco negro nin tan escuros como nolos quixeron pintar e que se é verdade que non foron abondosos os textos que se publicaron daquela en galego iso non quere dicir que non se escribira un número considerable dos mesmos, por iso mesmo os mellores especialistas prefiren falar de Galego Medio para ese período, amosando así a continuidade do noso discurso literario e paralelizando a nosa tradición terminolóxica coa doutras culturas europeas.

Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, o volume que acaba de publicar o profesor Xosé Antonio Fernández Salgado en Edicións Laiovento, é unha boa mostra do que veño de dicir. Este estudoso recupera aquí unha longa carta en verso datada entre 1760 e 1777 que é, pola súa extensión, calidade literaria e coidado rexistro lingüístico, un dos textos máis importantes do Galego Medio.

Non consta neste documento que agora se exhuma o seu autor, pois o manuscrito que durmía nos fondos da Fundación Penzol non contiña esa información. Sábese, si, que debeu ser un ilustrado próximo ao círculo de Diego Antonio Zernadas e Castro, Cura de Fruíme (1702-1777), a quen vai dirixida esta epístola versificada, toda unha invectiva contra a explotación dos petitorios que este crego cursaba para recadar cartos cos que engordar o culto da Virxe das Dores de Fruíme.

A monografía de Fernández Salgado ofrece un moi amplo estudo introdutorio no que dá conta das características deste valioso manuscrito dezaoitesco e analiza as claves socioliterarias que o explican, particularmente a acción pastoral de Zernadas, a súa musa poética, a formación académica coa que contaba, os trazos físicos e de carácter aos que se alude criticamente nas décimas contra el dirixidas e un moi extenso estudo lingüístico destas.

Agora ben, a columna vertebral da obra represéntana a edición paleográfica e a edición actualizada e anotada das cincuenta décimas, mercé ás cales os investigadores e curiosos poderán acceder non só ao texto orixinal con total fidelidade, senón tamén á súa lectura contextualizada a través das abondosas notas a pé de páxina explicativas de múltiples cuestións suscitadas polo texto.

Grazas a esta recuperación modélica Fernández Salgado —que vén engadirse a outras recentes de Ramón Mariño, X. Pardo de Neyra, Rosario Álvarez e X. Xove ou Damián Suárez— temos a posibilidade de ler un texto capital do Galego Medio e comprobar, así, que somos unha cultura milenaria e fulgurante, que resiste os máis duros neboeiros e segue en pé dando o mellor de si.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 10-9-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.