Da Europa diversa

Estes días de lecer estival acompañoume nas miñas escapadas á beiramar un volume ilustrativo ao tempo que pracenteiro: o Atlas das nações sem estado na Europa.

Dirixido polo activista bretón Mikael Bodlore-Penlaez, especialista en minorías nacionais e un dos principais impulsores da extensión .bzh ademais de fundador do portal eurominority.eu, a versión galega foi traducida e adaptada por Fernando Corredoira e Abrahan Bande e conta tamén cun prólogo de Carlos Taibo.

Este Atlas que agora publica Através Editora é un divulgativo pero ben documentado ensaio a propósito dos “povos minoritários em demanda de reconhecimento”, que se le con moito agrado malia a lóxica profusión de datos que fornece.

As tres grandes liñas de forza da obra contemplan un capítulo inicial definitorio dos termos e conceptos manexados, unha outra sección na que se alude aos principais símbolos identitarios dos pobos e un último bloque, moi extenso, no que van sendo presentadas as diferentes nacións sen estado.

Bodlore-Penlaez aborda con éxito a caracterización do que é unha minoría e os diferentes tipos desta (nacional, étnica, lingüística, relixiosa ou sexual), a complexa relación entre a noción de estado e a de nación e tamén os diferentes degraos que as reivindicacións das nacións sen estado poden defender (federalismo, rexionalismo, autonomismo ou independentismo).

Do mesmo xeito, no seguinte treito do libro, tras comentar a principal lexislación que protexe os dereitos das minorías e trazar un moi completo mapa das linguas europeas (incluíndo nel tanto os idiomas oficiais de estado como as linguas minorizadas, variantes lingüísticas e idiomas de nacións sen estado), aborda a emblemática significación identitaria que sosteñen non só as propias linguas, senón tamén o simbolismo cifrado nas bandeiras dos pobos e a intricada rede de partidos políticos que loitan a prol desa identidade.

Finalmente, o Atlas repasa, un a un, os diversos pobos europeos en demanda de recoñecemento, dos que se perfila unha sinopse histórica que inclúe cronografía cos sucesos máis relevantes e tamén se nos achegan informacións de tipo demográfico, extensión dos territorios, cidades importantes, número de falantes e outras.

Quen desexe ilustrarse aprenderá moito sobre pobos da Europa atlántica (Bretaña, País de Gales, Cornualles, Irlanda, Illa de Man, Escocia, Frisia, Illas Faroe e Galiza/Galicia), mais tamén dos Pireneos occidentais (País Vasco), a Europa Mediterránea (Países Cataláns, Occitania, Córsega e Sardeña), o Arco Alpino (Friul, Romanches, Ladinos, Arpitanos e Tirol do Sur), a Europa centro-occidental e a que está entre o Atlántico e o Reno (Valonia, Flandres e Alamanos), a Europa Báltica (Casubia), a bacía do Elba (Sorabia), a Europa Boreal (Pobo Sami) ou a Estepa Póntica (Gagauzia), ademais da situación doutras minorías lingüísticas en territorios limítrofes (suecos en Finlandia, húngaros en Romenia e Eslovaquia etc.) ou da realidade de rexións en demanda de identidade (Escania, Silesia, Moravia, Ingrianos, Votios, Livonios e outros).

Lonxe de resultar unha lectura densa e empecedora, este Atlas consúltase con pracer mercé aos numerosos mapas a toda cor, abondosas fotografías, gráficos, esquemas e todo tipo de ilustracións, que fan da obra unha compaña amena visualmente, na que é doado atopar a información que se precisa.

Recomendo este Atlas das nações sem estado na Europa a todas aquelas persoas que desexen informarse con rigor da auténtica realidade dos pobos e linguas da nosa contorna. Un acerto de Através Editora esta versión galega do notable traballo de Mikael Bodlore-Penlaez, que fai bo o prodesse et delectare do clásico latino.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-9-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.