O autor

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é profesor de Lingua Galega e Literatura no Ensino Medio, tendo desempeñado tamén labores docentes no Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago.

Como investigador e analista literario é autor de monografías, edicións e estudos introdutorios a obras de Ánxel Fole, Aníbal Otero, Luís Seoane, Eduardo Lence-Santar, Xosé Díaz Jácome, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro de las Casas, Baldo Ramos, Medos Romero, Arcadio López-Casanova ou Antonio García Teijeiro, entre outros, téndose tamén co-responsabilizado da edición e estudo da antoloxía de conto galego actual Materia prima. Relatos contemporáneos (2002), amais de editar en catro volumes a escolma bilingüe galego-castelá Antoloxía de narrativa galega (2007).

Ensaísta e tradutor, é membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Sección de Crítica desta e mais da Asociación Española de Críticos Literarios e recibiu varias distincións polo seu labor como crítico, investigador e tradutor literario, entre elas o Premio Xerais á Cooperación Editorial 2004 e o Premio Ánxel Fole 2010.

Como crítico literario, actualmente, e dende hai anos, exerce como comentarista habitual na revista Tempos Novos e o seu suplemento de libros ProTexta e as súas recensións aparecen publicadas nos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión) e do Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños).

Chuzame! A Facebook A Twitter

2 Respostas a O autor

  1. Excelente blog! mágoa non ter máis tempo para coñecer cousas tan ben feitas. Parabéns, Armando