Category Archives: Ensaio galego actual

Para ler a Paz Andrade

Agora que vai achegándose, paseniño, o Día das Letras Galegas, non estará de máis recomendar unha competente monografía na que informarse da vida, obra e milagres dese personaxe singular que Valentín Paz Andrade foi e a quen dedicamos este ano a honra da efeméride.

Ensaísta, periodista fundador de históricas cabeceiras, poeta de estro errático e empresario de éxito, Paz Andrade é un deses nomes sen os cales non pode comprenderse na súa integridade a historia do galeguismo cultural, político e socioeconómico do pasado século.

Por iso mesmo é tan de agradecer que a investigadora Charo Portela Yáñez puxera por xunto o seu saber sobre o autor no volume Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que ve luz na indispensable colección Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia.

Non é esta a primeira vez que Portela Yáñez se achega á figura do pontevedrés e iso nótase. Lonxe deses libros de encarga para a ocasión, a que fora subdirectora de Ediciós do Castro amosa aquí o seu fondo coñecemento da biobibliografía do escritor, atesourado ao longo de anos de trato directo cos que foron os seus amigos máis próximos e, tamén si, coa súa familia e o seu arquivo documental.

O resultado de frecuentar por tanto tempo os textos e contextos do homenaxeado é un estudo que ofrece unha condensada pero exhaustiva biografía deste —que ten as súas raíces nunha obra anterior de Portela Yáñez, Valentín Paz Andrade, editada por Ir Indo hai xa catorce anos—, á que se amece unha completa panorámica da súa obra literaria (poesía e ensaio literario), xornalística (en cabeceiras como Galicia. Diario de Vigo, Industrias Pesqueras e outras), de ensaio económico e do sector pesqueiro e mais da escrita epistolar.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual | Coas etiquetas , , , , , | 1 Comentario

Bibliografía pazandradiana

Pouco e pouco imos achegándonos ao próximo 17 de maio. A romaría literaria deste ano, xa saben, ten como santo patrón a don Valentín Paz-Andrade, así que o país todo anda na (re)lectura dos seus textos e na esculca demorada da súa aventura biográfica.

Nesta tesitura acae recomendar algún compás bibliográfico que poida guiar a curiosos e entendidos en tan arduo labor. Pois ben, do que ata agora se leva publicado sobre do autor, son probablemente os volumes asinados por Xan Carballa para a colección Letras Galegas da Editorial Galaxia os mellores e máis completos roteiros polos que se guiar.

O xornalista vigués asina unha ampla Antoloxía de textos poéticos e ensaísticos e mais unha documentada Biografía de Valentín Paz-Andrade que participan dun mesmo espírito rigoroso e documentado, onde cada dato, cada texto, cada aseveración ten detrás súa un importante traballo de consulta bibliográfica e hemerográfica e, tamén si, unha lúcida interpretación da mesma obra pazandradiana.

Para avanzar na lectura de Pranto matricial, Sementeira do vento ou Cen chaves de sombra, para comprender as circunstancias vitais (intelectuais, empresariais, autoriais…) de Paz-Andrade, o concurso de solventes estudos e escolmas textuais faise imprescindible e é aí onde os libros de Xan Carballa han resultar máis agradecidos para aqueles que queiran aprehender fondamente a complexa traxectoria do autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, un escritor cunha vida que se estendeu ao longo de boa parte do pasado século, o que lle deu a oportunidade de significarse como persoeiro de relevo nalgúns dos máis cruciais episodios da nosa historia recente.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual | Coas etiquetas , , , , , , | Leave a comment

Manuel Rodríguez Saa: o Houdini galego

Da man dos profesores e investigadores Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán chega ás librerías O misterioso Dr. Saa, volume biográfico de descritivo subtítulo: “A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata”.

En efecto, ao longo de cento e medio de páxinas Díaz e Fernández levan a cabo un moi completo percorrido polos principais socalcos vitais e profesionais deste mago nado e morto en Portomarín (1885-1984), que actuaría con grande éxito nos máis diversos países e continentes, dende o Caribe ata Filipinas pasando por Sudáfrica, Centroeuropa, Xacarta, Saigón, Estados Unidos, Borneo, Hong Kong, Hawai…

O traballo de Díaz e Fernández, moi documentado, ofrece tamén un valioso apéndice gráfico no que se reproducen instantáneas do mago actuando e un feixe de carteis e convites ás súas actuacións, así como tamén diversas cartas e notas de prensa sobre os seus espectáculos.

A monografía complétase cun breve limiar de Carlos Coira en nome do Colectivo Máxico Waldemar, unha cronoloxía sintética e unha exhaustiva bibliografía na que se recollen, sobre todo, escritos periodísticos que se fixeran eco no seu día das actuacións do Dr. Saa.

Unha vida extraordinaria para un personaxe fóra do común. Un deses galegos universais ao que moito cumpría lembrar e homenaxear e que a partir de agora será menos descoñecido grazas ao meritorio labor de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, pacientes e rigorosos investigadores que souberon traer á luz o que durmía baixo sabas de sombra.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual | Coas etiquetas , , , , , , | Leave a comment

Novoneyra do Courel

A vida e obra do inmenso poeta que Uxío Novoneyra foi tivo glosadores de altura que non desmereceron da súa memorable escrita. Velaí, poño por caso, as decisivas achegas que nestes últimos anos asinaron estudosos como Xosé Lois García, Carmen Blanco, Antón Lopo, Claudio Rodríguez Fer ou Olga Novo, por citar só algúns dos máis significados. Mais sempre é posible revisitar a súa figura á luz de novos ancos que desvelen aspectos ou circunstancias vitais e autoriais que ficaran ocultas, arrombadas ou simplemente sen consideración.

Pois ben, entre os máis recentes traballos sobre o xenuíno universo creativo do courelao quero salientar aquí o excelente O escano baleiro, da autoría do tamén poeta —e narrador e crítico— Xulio L. Valcárcel, que dá ao prelo Biblos Clube de Lectores na súa xa ben asentada colección Mandaio.

O que Valcárcel ofrece nesta monografía é un moi completo retrato do mundo que habitou Novoneyra e das súas vivencias como escritor nese espazo, por ese espazo e dende ese espazo. A ollada de Valcárcel é aquí poliédrica e igual esculca no antropolóxico que no analítico literario, o mesmo no biográfico que no histórico, tanto no patrimonial e arquitectónico coma no espiritual ou testemuñal.

O resultado é un volume suxestivo e vizoso, no que aprender mil e un pormenores sobre a escrita do do Courel e as xentes e lugares que a nutriron: os soutos e devesas montesíos, as mallas e xogos da infancia, as amizades con outros autores de noso e as súas estancias en diversos lugares (Lugo, Compostela, Madrid…), as súas fortes conviccións sobre a cuestión lingüística, a versatilidade da súa produción tanto xenérica coma tematicamente e moitos outros extremos que Valcárcel expón cunha prosa diáfana que, malia a profusión de fontes bibliográficas e textuais manexadas, en ningún momento resulta acoradora, todo o contrario, discorre velaíña e amena adornándose de salferidos poéticos que lle engaden indubidable prestancia.

O escano baleiro de Xulio L. Valcárcel non só é un documento de primeira orde para mellor coñecer o “ámeto” novoneyrano, é un excelente ensaio escrito coa delicada pulcritude que só outro gran poeta pode lograr.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 1-3-2012]

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual | Coas etiquetas , , , , , | 1 Comentario