Category Archives: Ensaio galego

Fábula de varia xente

No derradeiro suspiro do pasado ano, e animados polo investigador e crítico Luís Alonso Girgado, viron lume dous volumes compilatorios que recuperan unha interesante produción do mindoniense Álvaro Cunqueiro, a quen celebramos abondosamente en meses precedentes por mor do seu centenario.

Os títulos en cuestión son, por esta orde, Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos e mais Remuíño de prosas. O primeiro figura inserido na colección Fonseca de textos filolóxicos da editorial Follas Novas. O segundo constitúe a vixésima entrega dos Cadernos Ramón Piñeiro que o centro de investigación compostelán que leva o nome do intelectual de Láncara tirou do prelo en edición de Luís Cochón, Lorena Domínguez Mallo e o amentado Alonso Girgado.

Prólogos… reúne unha vintena de textos que lle foron solicitados ao de Mondoñedo como limiar ou colofón á obra de autores amigos, mais tamén algún outro escrito que se integrou en volumes colectivos de tema diverso e aínda páxinas de circunstancias.

Quen viaxe por estas páxinas saberá do verso enxebre de Daniel Pernas Nieto; a materia artúrica; a paisanaxe galega; a vida, obra e milagres de Cabanillas; a gastronomía de noso; as maxias e ultramundos que connosco son; a delicadeza da camelia; a piratería de Benito Soto; a tráxica resistencia de Pedro Madruga e mesmo a sátira sutil de Swift, a narrativa poderosa de Poe ou a magna sinfonía do verso odiseico de Homero.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego, Outras literaturas | Coas etiquetas , , , , , , , , | Leave a comment

Criticalia: o libro

Os que visitades este blog con certa frecuencia teredes observado que o histórico de entradas non vai alén do ano en curso. Mais iso non quere dicir que, con anterioridade, quen isto escribe non desenvolvese un labor crítico nos medios tradicionais que, porén, nunca se veu recollido neste espazo virtual.

Pois ben, unha parte substantiva dese traballo levado a cabo durante os vinte anos previos á aparición desta bitácora ve agora luz nun libro que, dende o propio título, coincidente co deste blog, vén sendo algo así como o pai libresco deste seu fillo dixital.

Por tanto, o Criticalia en libro é unha antoloxía das recensións críticas que dei a coñecer en diversos xornais e revistas ao longo dos anos. Nela incluín textos nos que me ocupei de obras narrativas e poéticas —os máis—, pero tamén algúns outros que dediquei ao teatro e o ensaio.

O volume reúne comentarios que publiquei entre 1991 e 2010 e, amais de textos de «crítica de novidades», quixen tamén que houbese recensións de «libros de fondo» que, en non poucos casos, son anteriores a esas datas. Xa que logo, o abano cronoliterario que abrangue é máis amplo e iría, grosso modo, dende os comezos da década dos 70 do pasado século ata a actualidade.

A maiores, incorporei tamén un amplo apéndice final no que aparecen referenciados todos os traballos críticos que escribín durante eses anos e que non foron reproducidos na escolma. Para cada caso, sinalei o nome do escritor e o título do libro sobre o que versou o comentario.

Aquelas e aqueles de vós que queirades ter nunha única obra un amplo guieiro de lecturas posibles e de xuízos críticos das mesmas, sabede que Criticalia vos permitirá non só pulsar a opinión dun crítico literario a propósito de moitas das obras concretas que nesas catro décadas foron agromando, senón que, se se realiza unha lectura máis global e transversalizada, o libro ofrece tamén unha radiografía bastante precisa do meu canon particular a propósito do que foi a nosa Historia literaria ao longo de todo o período democrático.

ACTUALIZACIÓN

Velaquí deixo a nómina completa de referencias que foron saíndo sobre o libro, para aquelas e aqueles que esteades interesados:

Diario de Ferrol, 29-11-2011
Diario de Ferrol, 4-12-2011
Novenoites, 6-12-2011
Diario Cultural (Radio Galega), 8-12-2011
Bouvard e Pécuchet, 10-12-2011
Diario de Ferrol, 26-12-2011
El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 8-1-2012
Faro de Vigo, 12-1-2012
Fervenzas Literarias, 13-1-2012
Faro de Vigo, 19-1-2012
Radio Ames, 22-2-2012
Eirado (TVG2), 3-3-2012
Terra e Tempo, 23-3-2012
 
 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego | Coas etiquetas , , , , | 7 Comentarios

Barbantizando a Cultura

Malia a que cae, segue habendo empresas colectivas que admiran pola xenerosa entrega e o interese certo. É o caso do meritorio anuario Barbantia, que desde hai preto dunha década vén publicándose como voceiro da asociación homónima, achegando ensaios, textos de creación, traducións, bibliografías e crónicas que confirman o incuestionable protagonismo cultural da bisbarra á que homenaxean a través do propio nome.

Como en anteriores ocasións, o novo número de Barbantia, que fai o sétimo, dá cabida a diversos traballos de xorne histórico (moitos deles agrupados arredor da homenaxe que ao chorado profesor e escritor Xosé Agrelo Hermo levou adiante a asociación este último marzo), así como tamén a unha memoria de actividades e recensio de publicacións barbanzás.

Mais quero hoxe destacar aquí, de entre a extensa e valiosa nómina de contributos da revista, tres achegas concretas: a transcrición dun encontro intelectual entre Juan José Moralejo Álvarez e Xosé Luís Méndez Ferrín baixo o título “Á luz das palabras. Gallaecia e as súas etimoloxías”, no que se reproduce unha moi atractiva conversa a propósito de diferentes cuestións referidas á toponimia de noso; a magnífica tradución dunha escolma de poemas en lingua inglesa de Richard Berengarten realizada por Loreto Riveiro e Fernando Lavandeira e mais a excelente versión do célebre poema “Un cop de dés jamais n’abolira le hassard” (“Unha tirada de dados xamais abolirá o azar”) de Stéphane Mallarmé levada a cabo por Eme Cartea cun suxestivo estudo introdutorio de Román Arén.

Ambas as dúas traducións ―así como tamén o diálogo Moralejo-Ferrín e os restantes traballos inseridos no volume― demostran, mais unha vez, a calidade deste anuario, referencia inescusable para calquera que queira afondar no pasado e o presente dunha comarca na que o asociacionismo cultural ofrece froitos tan escolleitos como este magnífico Barbantia.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego, Tradución | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

De Swann a Galicia, polo camiño da lectura

Malia todo o que nos últimos tempos se leva progresado, non estamos sobrados de traducións á nosa lingua de textos referenciais doutras literaturas.

É por iso que a aparición de Sobre a lectura seguido de Días de lectura, dous ensaios breves de Marcel Proust esplendidamente vertidos ao galego por Carlos Lema, supón un acerto pleno nese imprescindible labor de aterraplenado sistémico que o transvase de obras ao noso idioma demanda.

“Sobre a lectura” e “Días de lectura” son dous textos de arrevesada ecdótica que coinciden en condensar todo o pensamento de Proust sobre o fenómeno lector, que é tanto como dicir sobre o proceso mesmo da escrita, pois para o xenio francés un leva ao outro da man.

No amplo estudo introdutorio que Lema dispón precedendo os ensaios analiza con fondura e rigor a arquitectura que diagrama o universo sígnico-temporal de Proust, no que teñen unha decisiva presenza a dualidade vida / arte —como forma do contido e forma da expresión, respectivamente— e a fugacidade / perdurabilidade que estas presupoñen na liña do Tempo.

Reelaborada a partir dunha conferencia impartida en Neda no 2007, esta análise prologal de Lema ilumina grandemente a escrita de Proust, ata tal punto que é aconsellable non ler estas páxinas do poeta e editor galego ata despois de mergullarse nos ensaios do escritor francés, pois a súa esexese pode condicionar —e para algúns ao mellor esgotar— direccións interpretativas da lectura.

Excelente decisión a da Editorial Trifolium coa engádega deste volume ao seu recente pero xa nutrido catálogo, que se prestixia coa incorporación dunha tradución fidel, con impecable recreación de xiros e modismos e exquisita selección léxica pola que non cómpre outra cousa que felicitar o seu autor.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego, Tradución | Coas etiquetas , , , | Leave a comment