Category Archives: Literatura infantoxuvenil

Dragóns de pedra

Co título de Corazón de pedra o escritor vilalbés Agustín Fernández Paz publica na colección A árbore da lectura da editorial Oxford unha historia de misterio co universo lendario dos dragóns de fondo e protagonista infantil feminino como eixe vertebrador na focalización dos sucesos.

Hai neste libro moitos dos elementos característicos da prosa do autor: o procesado da nosa literatura de tradición oral en clave recreadora, a paixón pola lectura dos seus personaxes, o simbolismo de certos espazos fulcrais (tal as fragas, por exemplo), o gusto polos referentes máxicos e/ou sobrenaturais e mesmo a presenza do onírico como territorio de relevo.

Poida que este Corazón de pedra non sexa a máis ambiciosa das obras asinadas polo multipremiado e arquirrecoñecido Fernández Paz, mais non cabe dúbida ningunha de que é unha atractiva historia, chea de fascinación e escrita co pulso e saber dun dos nosos autores máis brillantes.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Carballeira & Danowski

Do talento combinado da escritora galega Paula Carballeira e mais a pintora alemá Sonja Danowski xorde un regalía para o intelecto e os ollos como O principio, excelente álbum ilustrado que acaba de publicar Kalandraka.

A paisaxe desoladora que se abre tras da guerra e a capacidade para sobrevivir en tan terribles condicións sérvenlle á de Ferrol para tecer unha narración que é un canto á vida e á esperanza: fronte ao desastre, a alegría de vivir; ante a vesania destrutiva e aniquiladora, o poder da palabra e a ilusión por un mañá mellor. As pequenas grandes cousas —uns nenos que xogan, un sorriso lanzado ao ar, a luz dunha mirada que agarima— son o motor dunha imparable revolución, o comezo dunha historia leda que fará esquecer a loucura bélica.

Se teñen oportunidade, non deixen de facerse con este O principio para apreciar, xunto ao fermoso relato de Carballeira, as magníficas ilustracións de Danowski, recreadas con finísimo trazo hiperrealista, nunha emulsión de cor ambiente que consegue trasladarnos ao mundo reflectido cunha viveza sorprendente. Venturosa maridaxe artística que nos regala unha obra de delicada fondura na que latexa o pulso revelador das máis preciosas alfaias de papel.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Versos cullarapos

Descubro o verso amable de Miguel Ángel Alonso Diz e as coloristas ilustracións de Luz Beloso a través do álbum O cullarapo Croque, delicado volume para lectores noviños que ve luz da man do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, selo que o incorpora á moi interesante colección Q de Vian Cadernos.

O libro de Alonso Diz e Beloso, cordialmente prologado por Xosé Neira Vilas, envólvenos nun mundo de tenros animaliños (paxaros, gatos, xoaniñas…) onde os elementos da natureza (o sol, a lúa, as augas, as fragas) son o escenario propicio para a irrupción de sereas, barquiños viaxeiros e, xaora, cullarapos faladores, pois é un gracioso cágado a voz guiadora das aventuras que aquí se cantan.

Na lembranza do pioneiro Manuel María dos soños engaiolados e de tantos outros mestres actuais (dende Fina Casalderrey ata Antón García Teijeiro, pasando polos máis recentes Elvira Riveiro Tobío ou Fran Alonso, sen esquecer tampouco os Antón Cortizas, Antonio Reigosa, Miro Villar e un longo e espléndido etcétera), os poemas de Alonso Diz cobran vida plena da man dos debuxos de Beloso, rebordantes de luminosidade, vizosísimos na paleta, sutís e evocadores nos trazos que acompañan unha tipografía abondosa en cores, ideada para o conveniente fascinio de pequenas e pequenos que se verán mergullados nun microcosmos de versos musicais e suxestivas imaxes.

Se tedes que facer un galano este tempos a unha rapaciña ou rapaciño de entre os catro ou cinco e os sete ou oito anos, O cullarapo Croque será unha magnífica elección, a ledicia de vivir e a ollada agradecida que sobre todos os seres deitan Alonso Diz e Beloso aseguran unha positiva lectura para os que comezan a gozar da mesma e, tamén si, para aqueloutros que hai tempo que a temos como inseparable compañeira.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

O ‘hat trick’ de Ramón Caride Ogando

Co temporal que atravesamos, ter un libro novo nas librerías é para case calquera autor motivo de celebración, ter dous é un auténtico luxo, pero ver tres títulos dun mesmo creador como novidades literarias da tempada é un privilexio só ao alcance dos benamados pola deusa Fortuna.

Entre ese escolleito grupo de elixidos cóntase Ramón Caride Ogando, quen acaba de pór en circulación un pequeno álbum para primeiros lectores autónomos (A pomba dona Paz), un relato para lectorado de cursos medios de Primaria (Catro amigos pillabáns) e mais un poemario para público adulto (A chuvia humana), todos tres, como se verá, textos de interese e apostas literarias que resultan enriquecedoramente complementarias.

A pomba dona Paz é unha emotiva e comprometida historia ilustrada por Pepe Carreiro. Nela, a través dos ollos da pomba Paz, téntase concienciar os máis pequenos da necesidade de ser solidarios, o inxusto das desigualdades sociais, do perigoso urbanismo antiecolóxico, do desastre da biodegradación planetaria, da loucura de morte e destrución que arrastran os conflitos armados, da dureza da emigración, do terrible da discriminación sexual e o maltrato e explotación infantís e, sobre todo, este libro deposita nas nenas e nenos do mundo a esperanza de que sexan eles os que consigan no futuro mellorar este caos global que crearon os seus maiores.

Máis alá das mensaxes benintencionadas e literariamente abondo coñecidas do volume anterior, Catro amigos pillabáns ofrécenos unha narración aventureira na que, a xeito de moderna fábula, catro —logo cinco— amigos inician unha fantástica viaxe na que irán descubrindo seres e salvando obstáculos.

Deste xeito, Mamporquiño (un suíno), Murrigato (un gato), Caracol Col (un cosco) e Murrato (un roedor) —cal novos Winnie Pooh e compañía— van coñecendo territorios e experiencias que os farán medrar na súa amizade e capacidade de superación.

Agora ben, sendo as dúas anteriores propostas de calidade para as idades e comprensións lectoras que lles acaen, non me cabe dúbida de que a máis acabada das tres publicacións é A chuvia humana, poemario bipartito onde a aforística de condensación epigramática alterna cos versos rememorativos de tempos e lugares idos.

Así, en “Arte de chover” Caride Ogando desprega toda a súa inven(c)tiva retranqueira, xogando cos dobres sentidos, ambigüidades, anfiboloxías, oxímoros e outros recursos afíns, que vai salferindo en apotegmas, máximas, sentenzas e adaxios de indubidable poder revelador, nos que o humor e a ironía se fan omnipresentes.

Moi outra é a fasquía de “Pegadas e ronseis”, unha ducia de composicións nacidas da lembranza do Ourense da infancia e doutros espazos vencellados á biografía do autor, ben por ter pasado neles un tempo (Valencia) ben por residir neles nalgún momento (Cambados) ou mesmo por terse achegado a estes de visita (Irlanda, O Courel). En conxunto, preside estes versos un ton de íntima confesión, evocador e elexíaco, que tenta atrapar no imposible trueiro do tempo fuxidío instantes felices do pasado que regresan á luz da memoria.

Tres propostas, por tanto, nas que Ramón Caride Ogando amosa a súa versatilidade e bo facer, convidando á (re)visitación da súa restante obra, agora aínda máis celmosa grazas a esta nova tripla esmelga.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 11-3-2012]

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Poesía galega actual | Coas etiquetas , , , , , , , , | Leave a comment