Category Archives: Narrativa galega

A supernova Manuel Antonio

De cando en vez —moi de cando en vez— a investigación literaria en Galicia sorpréndenos coa descuberta de materiais que permanecían ignorados, extraviados ou, simplemente, non eran accesibles. Cando iso sucede prodúcese unha revelación, unha sorte de impacto meteórico que combustiona iluminando o noso ceo literario co seu fulgor.

Pois ben, recentemente ten acontecido un deses estouridos. Mais non se trata dunha pirotecnia calquera, non vaian pensar. Neste caso pódese dicir, sen medo a errar, que estamos ante a contemplación dunha supernova exhumatoria que case nin eramos quen de imaxinar. Refírome á publicación da nova Obra completa do escritor rianxeiro Manuel Antonio, da que apareceu o primeiro dos cinco volumes que se proxectan (dedicado nesta ocasión á Prosa) nunha moi coidada edición que inaugura a colección Clásicos da Academia da RAG.

O responsable desta histórica publicación non é outro que o estudoso secretario da amentada institución, o profesor Xosé Luís Axeitos, auténtica auctoritas na biobibliografía do poeta vangardista, sobre o que leva publicado ducias de traballos.

Grazas á cesión dos fondos manuelantonianos que obraban na Fundación Barrié de la Maza (coeditora desta opera omnia), Axeitos puido descubrir case unha corentena de escritos en prosa do autor de De catro a catro, amais dunha trintena de traducións debidas á súa pluma.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Obsolescencia programada

Hai libros que avellentan mal, moi mal. Libros que no seu día puideron ter o seu aquel por mor do momento socioliterario no que xurdiron, pero que, vistos coa distancia balizadora que o tempo proporciona, hoxe non pasan de ser obras de interese ben discreto, pezas para curiosos, literatura de obsolescencia programada.

Este é o caso tanto de Homes de tras da Corda (1982) coma do seu xemelgo As pucharcas da lembranza (1986), libros de relatos da autoría de Carlos González Reigosa que agora reedita Xerais nun único volume baixo o título de Tras da Corda.

Coido que esta é a terceira vez que leo, ao completo, ambas as dúas obras. A primeira lectura tivo lugar hai exactamente un cuarto de século, cando quen isto escribe cursaba 3º de BUP. Un amigo matriculado en FP tiña que facer un traballo sobre elas e, sabedor da miña devoción letraferida, pediume axuda para saír do paso. Daquela primeira aproximación lembro a graza dos tipos populares descritos, a empatía lectora que en min provocaban o saber que formaban parte da miña mesma tribo mindoniense. Mais a escasa hermenéutica dun rapaz de dezasete anos alcanzábame xa para detectar a inxeleza evidente daquelas historias, o arquetípico das situacións e dos invididuos, o que, á fin, facía do conxunto unha narrativa liviá e accesible, pero falta de ambición.

O segundo recuncar neste mangado de contos produciuse no outono do 2006. Naquela altura recibira o encargo de levar a cabo unha escolma do mellor do relato galego do pasado século coa intención de realizar unha selecta que representase a nosa literatura na Feira do Libro da Habana, na que Galicia sería a cultura convidada en febreiro do 2007. Con tal motivo, relín novamente grande cantidade de textos narrativos de moi diversas xeracións, estilos, temáticas e autorías e, entre eles, xaora, achegueime coa mellor das vontades á contística de González Reigosa por ver se sequera unha das súas historias era merecente de figurar en tal escolleita selección. O resultado foi estrepitosamente infrutuoso, pois case vinte anos despois da primeira lectura facíanseme aínda máis visibles as eivas daquela escrita, que se compracía nas solucións diexéticas previsibles, nos diálogos fáciles e na iteración de motivos e recursos narratolóxicos. Conclusión: González Reigosa non figura na Antoloxía da narrativa galega que a Xunta de Galicia publicou aquel ano en dous volumes.

Leo agora, por terceira vez, estas narracións do escritor da Pastoriza e, moi ao meu pesar, confírmome na miña opinión: non hai nin unha soa liña en Homes de tras da Corda e As pucharcas da lembranza que non estivera xa, no esencial, debuxada —¡e con incomparable mestría!— en Fole e Cunqueiro. O recurso á literatura de tradición oral, a mestura do mistérico e o humorístico, o choque de mundos rururbano, todo e mais fora xa escrito xenialmente polo autor de Terra brava e mais o creador de Xente de aquí e de acolá.

Tras da Corda é un produto ecoico, epigonal, se se quere unha reescrita en homenaxe que non supera o modelo que imita, máis nada. Os que non leran os nosos clásicos amentados atoparán graza nas súas páxinas. Para os demais, unha recomendación: o seu tempo de lectura é ouro, non o malgasten. Hai obras ben interesantes no mercado, algunhas mesmo de novidade editorial no selo que ten a xenerosidade de acubillar os escritos deste narrador.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 22-4-2012]

Chuzame! A Facebook A Twitter

Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega | Coas etiquetas , , , , , , | Leave a comment

A ‘Majina’ non espuria

Continuando coa súa xa longa e valiosa andaina, a colección Clásicos Galegos de Sotelo Blanco Edicións acolle a publicación de Majina, ou a filla espúrea, a novela fundacional da prosa galega do XIX debida ao estradense de Vilancosta Marcial Valladares.

Como é adoito na colección, recupérase a obra a través dunha edición crítica, que presenta un texto fixado por un especialista a partir do rigoroso cotexo das fontes documentais existentes (para o caso, o manuscrito autógrafo da novela e mais a edición en folletín que tirou La Ilustración Gallega y Asturiana entre xullo e decembro de 1880). Nesta ocasión, o responsable de tal labor foi o profesor Xosé Antonio Fernández Salgado, o mellor coñecedor da obra de Valladares, a quen dedicou a súa tese de doutoramento, a biografía canónica do escritor e numerosos ensaios en volumes colectivos e revistas.

Impecable e nada espuria esta edición, que conta, amais, cun valioso estudo introdutorio de Fernández Salgado no que se sintetizan os principais aspectos definitorios da narración, outra razón máis que converte este libro nunha obra de referencia.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 23-2-2012]

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Novela negra galega

Hai uns días fun convidado pola amiga María Solar, coordinadora do programa cultural Zigzag da TVG, a participar nunha (micro)reportaxe sobre o crecente cultivo —para algúns boom— da novela negra en Galicia.

A necesaria brevidade que caracteriza este tipo de intervencións televisivas obrigounos ao libreiro Antón Pedreira, o escritor Miguel Anxo Fernández e mais a min a condensar o noso pensamento sobre o particular, que ficou así convenientemente alixeirado, como se observa no vídeo que recolle a emisión do programa (minutos 9’10 a 11’42).

Pois ben, quixera agora retomar o tema para sinalar, máis por extenso, os que, a meu parecer, son os trazos definitorios desta realidade literaria na Galicia dos nosos días.

1) Tal como eu o vexo, non hai, falando con propiedade, boom ningún deste tipo de escrita entre nós. Existe, si, un meridiano maior cultivo, pero sen que iso chegue a constituír unha deriva sistémica nucleadora.

2) As causas deste progresivo maior cultivo creo que son tanto de natureza esóxena coma endóxena.

Entre as primeiras a máis evidente sería a da influencia que, tamén entre nós, tivo o éxito dos narradores nórdicos, convertidos en best sellers de consumo mundial, o que explica que as nosas editoras e autores puidesen barallar a oportunidade de potenciar unha escrita deste xorne.

Canto ás segundas, eu destacaría dúas: dunha banda, a narrativa negra apenas se cultivou antes das últimas dúas décadas, o que seguramente moveu as empresas de edición e os escritores a tentar aterraplenar ese espazo sistémico que se vía desasistido, procurando así a desexable normalización da oferta.

Doutra parte, non hai que esquecer que a ambientación espacial e todo o background vivencial que aerosoliza o contexto no que se desenvolven estas historias ten un maior correlato verosímil nunha Galicia como a destes comezos do século XXI, pois dificilmente podían acontecer certas aventuras propias do xénero no país de hai trinta anos (e de feito esta falta de credibilidade foi unha das críticas que adoito se sinalaron ás primeiras obras desta clase), o que tamén explicaría que sexa na actualidade cando máis abrollan as novelas negras.

Sexa como for, cómpre congratulármonos pola aparición deste xénero de obras, pois a nosa literatura medra e faise forte tamén coa súa existencia, para ben de todas as lectoras e lectores.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Narrativa galega | Coas etiquetas , , , | 4 Comentarios