Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Category Archives: Outras literaturas
Arañeira vital
Botei os últimos días enfrascado na lectura de Tela de araña, a última novela do ourensán José María Pérez Álvarez, quen xa ten dado sobradas mostras da súa capacidade como narrador gañando diversos premios de ámbito estatal e a quen coñecía como autor en galego polo seu memorable En perigo de extinción (1996) e algúns outros textos aparecidos en revistas e antoloxías.
Publicada na colección Litterae da moi estimable Editorial Trifolium, Tela de araña é un estereograma narrativo, unha ilusión textual que se presenta baixo a enganosa feitura de biografía novelada e ten tanto ou máis de metanovela memorialística, como confirma a súa trama: un escritor de talento discreto recibe a encarga de escribir unha biografía dun seu amigo poeta de sona, morto anos atrás. Con esa escusa, a obra preséntanos un moi elaborado tapiz de fías escriturais (monólogos, correos electrónicos e postais, contrafacta, evocacións, breves ensaios…) que se desenvolven en escenarios varios (Ourense, Compostela, Xenebra, París, Bruxelas, Lisboa…) e nos lanzan á vertixe dunha moi intensa historia de (des)enganos, frustracións, adiccións, (re)coñecementos e (in)fidelidades nas que a presenza do universo literario é determinante e o cuestionamento crítico das fórmulas e convencións do mesmo se alimenta páxina a páxina.
José María Pérez Álvarez, tamén coñecido como Chesi, achega en Tela de araña unha admirable peza narrativa, na que importa tanto a evisceración do propio proceso creativo e a reflexión sobre o imbricado das estruturas que o sosteñen coma o complexo magma de introspección psicolóxica ao que somete os seus personaxes.
Brillantes, corrosivas e descridas, as criaturas de Pérez Álvarez viven condenadas á insatisfacción da procura dos porqués, desconfiando das sombras propias tanto ou máis que das mans amigas, engadindo dubidosos fíos de morte á arañeira dos días traidores. E é que, como o propio autor fai dicir ao biógrafo-narrador destas planas, escríbese sempre para nunca, escríbese nunca para sempre, pero escríbese, para vivir, para orientarse, porque a literatura é unha enfermidade e, amais, resulta mortal de necesidade.
Na categoría Crítica literaria, Outras literaturas
Coas etiquetas Crítica literaria, Editorial Trifolium, José María Pérez Álvarez, Outras literaturas, Tela de araña
2 Comentarios
Noticia de Alfredo García Dóriga
Pouco, moi pouco era o que se sabía ata o de agora do escritor viveirense Alfredo García Dóriga (1849-1911), autor que dedicou a súa vida ao periodismo e foi un persoeiro de relevo no mundo intelectual norlucense de finais do XIX e primeiros anos do século XX.
Narrador, poeta e articulista en castelán, escribiu tamén algúns poemas en galego que apareceron en diferentes xornais de época. Varios deles foron logo recollidos no bilingüe volume póstumo ¡Fuego del alma! (1911). Mais non existía ata hoxe un estudo biobibliográfico competente que nos proporcionase cumprida información do seu labor periodístico tanto na vertente de colaborador de numerosas cabeceiras de Viveiro, Mondoñedo, Asturias e Salamanca (lugares todos nos que residiu nalgún momento da súa vida) coma na de director dalgunhas delas.
Esa panorámica ensaística sobre a súa vida e obra figura felizmente publicada xa como estudo introdutorio á recuperación do seu poemario inédito Lex Dei, que exhumou o infatigable e moi rigoroso investigador Emilio Xosé Ínsua nunha edición ben recente que coeditaron a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro, o concello desta localidade e a correspondente deputación provincial.
Grazas a esta edición non só é posible ler un texto descoñecido de García Dóriga, senón que Ínsua proporciona abundantes referencias que completan e aclaran puntualmente moitos pormenores da persoa e a traxectoria deste escritor, posromántico no literario e rexionalista no ideolóxico, que acometeu en Lex Dei a titánica empresa de pór en verso as sagradas escrituras con máis que notable éxito.
Esta meritoria edición de Lex Dei conta, amais, con magníficas ilustracións a lapis carbón do tamén viveirense David Catá, pintor de nova fornada que con apenas vinte e catro anos ten participado xa en diversas exposicións dentro e fóra de Galicia e que leva a cabo nesta obra un acaído esforzo de visualización do universo relixioso poetizado.
O profesor Emilio Xosé Ínsua anuncia a próxima publicación dunha ampla biografía sobre Alfredo García Dóriga que seguro nos deparará importantes descubrimentos de tipo documental, literario e gráfico. Agardaremos por tan necesaria monografía. No entanto, e para ir abrindo boca, os estudosos e lectores curiosos han poder descubrir un autor esquecido como Alfredo García Dóriga a través desta excelente edición de Lex Dei. Poema de Histoira sagrada, un importante volume venturosamente rescatado.
Cósmica e futura
Leo con absoluta fruición Papel a punto de, o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa, volume publicado polas almerienses El Gaviero Ediciones nunha moi coidada edición numerada que deseñaron con exquisito gusto Ana Santos Payán e Pedro J. Miguel.
O libro reúne unha trintena exacta de composicións agrupadas en tres seccións: “materia escura”, “materia gris” e “fluido rosa”. Por xunto tracexan unha perfecta espiral concéntrica, que vai do universal ao particular, do cósmico ao individual.
Así, se en “materia oscura” os versos adquiren alento fundacional e tenta explicarse a orixe da especie humana, o sentido planetario e sideral desta, en “materia gris” profúndase nun esculcar (in)civilizacional, procúrase a visión reveladora das derivas da masa social para, xa en “fluido rosa”, ingresar no imo máis persoal dende o que iluminar non só a tormenta propia, senón a cambiante meteoroloxía mental da manda.
De por parte, preside todo Papel a punto de a recorrente preocupación polo devir, por como os nosos pasos presentes serán xulgados no futuro. É máis, o que hoxe somos, o noso proceder, é avaliado con distancia irónica, pois as nosas teimas cotiás semellan irrisorias se se consideran coa debida perspectiva secular.
Sorprende gratamente en Espinosa a súa aglaiante capacidade para a imaxe inusual, para o verso de xogo paralelístico e aliterativo e, sobre todo, para a inclusión de grafemas non verbais de decisiva capacidade comunicativa.
O conxunto resultante é unha poética de poderosa plasticidade, na que hai un tramado mestísimo de alusións e citas tanto á tradición propia coma ao melloriño das foráneas, o que fai comparecer na escrita os ecos amigos de Manuel María e Laforet, Alcalá e Sartre, Poe e Keats, Arrabal e Shakespeare, Wilde e Valente, Calvino e Cortázar, Rimbaud e Avilés de Taramancos, Whitman e Tolstoi, Benjamin e Llul e, por descontado, todas as irmás maiores na paixón literaria, ás que se saúda con devoción en poemas como “rea”: Safo, Woolf, Simone de Beauvoir, Yourcenar, Rosalía, Lispector, Sor Juana Inés, Villalta, Queizán, Shanagon, Lovelace, Preciado, Maillard…
Unha nota epilogal da autora acláranos que: “Este libro se pensó y escribió originalmente en gallego”. Descoñezo as razóns que levaron a que a obra vise luz, finalmente, en castelán. Mais quero agora lanzar dende aquí unha botella por ver se chega a algunha praia editorial con criterio: este magnífico Papel a punto de, obra dunha das nosas máis notables poetas dos últimos anos, debería ser impreso no idioma no que foi concibido. Só así se faría xustiza a unha escrita que latexa co sangue noso, por máis que regue, xenerosa, as páxinas dunha outra lingua irmá.
Na categoría Crítica literaria, Outras literaturas
Coas etiquetas Crítica literaria, El Gaviero Ediciones, Estíbaliz Espinosa, Outras literaturas, Papel a punto de
Leave a comment
O Cunqueiro xornalista, por Landeira Yrago
Xosé Landeira Yrago (1922-1995) é un deses personaxes sen os cales non pode entenderse cabalmente o complexo docudrama da cultura galega de Posguerra. Compostelán de nacenza e querenza (foi redactor xefe do ben lembrado La Noche e directivo fundacional do Patronato Rosalía de Castro), dedicouse profesionalmente ao exercicio do periodismo. Salientou tamén como analista da obra de diversos autores casteláns (García Lorca, Cervantes) e portugueses (Luis de Camões, Eça de Queiroz, Guimarães Rosa) e foi, así mesmo, autor dunha importante escolma da primeira lírica galega publicada hai case corenta anos (Antoloxía de poesía galega. Dos devanceiros ao dezaoito).
Mais alén doutros méritos obxectivos que adornan a persoa de Landeira Yrago (por exemplo os seus traballos en Grial, da que foi codirector xunto a Del Riego e Piñeiro, ou as monografías sobre a escrita galega de Lorca), para o caso o de Santiago desempeñou un destacado papel como subdirector do Faro de Vigo entre 1965 e 1975, ocupando logo o temón da publicación durante tres anos. Pois ben, dos mediados dos sesenta ata o comezo da seguinte década Landeira Yrago compartiu xeiras xornalísticas con Álvaro Cunqueiro, á sazón director do rotativo vigués. Durante ese lustro conviviu estreitamente co xenio mindoniense, o que lle facilitou un fondo coñecemento da súa peripecia tanto profesional coma vital.
Ao abeiro desa irmandaxe de oficio e desvelos xurdiu no santiagués a necesidade de reflectir nunha monografía a súa visión da traxectoria periodística do de Mondoñedo, que puxo por escrito en Sobre las fugas de Cunqueiro. Otra vida de Álvaro entre el periodismo y la literatura.
O volume foi redactado en 1991 —como se sabe, ano no que a RAG homenaxeou a Cunqueiro dedicándolle o Día das Letras Galegas— e revisado definitivamente tres anos máis tarde. Porén, o libro, por razóns que se descoñecen (aínda que se intúan), permanecía inédito ata agora, o que levou ao seu neto, o tamén periodista e avogado Renato A. Landeira, a recuperalo e publicalo da man dun selo novo, tamén compostelán, Auga Editora, onde figura inserido na colección de ensaio Manancial.
Na categoría Crítica literaria, Outras literaturas
Coas etiquetas Álvaro Cunqueiro, Crítica literaria, Editorial Auga, Outras literaturas, Sobre las fugas de Cunqueiro, Xosé Landeira Yrago
Leave a comment












