Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Category Archives: Poesía galega
Os versos doutrora de Antonio Domínguez Rey
Antonio Domínguez Rey, coñecido profesor e investigador, desembarca na santiaguesa Follas Novas Edicións coa publicación Lúa Loura, poemario breve que recolle composicións creadas hai xa ben tempo polo escritor de Burés, Rianxo.
En efecto, Lúa Loura non é senón a recuperación do libro homónimo que o autor dera á luz hai agora case trinta anos nunha edición non venal auspiciada, entón, polo Centro Galego de París.
Pois ben, a aqueles poemas publicados en 1984 engadiu o autor uns poucos máis —un par deles tomados dos seus libros Eidos da Mirada (1994) e O Segredo do Monte (2005)— ata alcanzar os trinta e dous da presente edición, que figuran precedidos por un limiar do propio Domínguez Rey.
O neopopularismo e paisaxismo eglóxico destes versos retrotráenos a estéticas pasadas, moi coidadas nos ritmos e metros e, tamén si, no sentimento virxilianista dos eidos natalicios e ribeiregos ullás tan caros ao poeta.
Quen se tome a molestia de comparar estas poesías coas do crego Faustino Rey Romero en libros como Escolanía de melros (1959) e, sobre todo, Doas de vidro (1951), poderá comprobar doadamente o ascendente poético de Domínguez Rey e o modelo lírico e aínda lingüístico dialectal ao que este se adscribe.
Versos doutro tempo para o novo milenio. Paradoxal proposta que seguro que atopará o seu público.
Na categoría Crítica literaria, Poesía galega
Coas etiquetas Antonio Domínguez Rey, Crítica literaria, Editorial Follas Novas, Lúa Loura, Poesía galega
Leave a comment
A sombra da ‘Longa noite de pedra’ é alongada
Vai alá medio século dende que viran luz por vez primeira os versos de Longa noite de pedra. Digo así e digo inexacto, pois o certo é que aquel emblemático poemario de Celso Emilio Ferreiro levaba no seu interior, como no ventre da balea, moita vida anterior. Ata el chegaran composicións que apareceran antes en Voz y voto (1955) e outras nas revistas Papeles de Son Armadáns e mais Vieiros.
E é que Longa noite de pedra non foi libro concibido unitariamente e si terra fértil aluvión. Sabido é que a idea do poema que dá título ao libro xurdira moitos anos antes, cando, por manifestar nunha tasca a súa antipatía contra o bando nacional, foi encarcerado durante catro días e tres noites nun zulo pétreo do vello mosteiro de San Rosendo, na súa Celanova natal. Corría o ano 37 e aquela vivencia carceraria, que o marcaría a lume, fixo agromar o espírito de Longa noite de pedra, liberando o aire das miasmas.
Vinte e cinco anos máis tarde Celso Emilio erguía as nasas poéticas que fora deitando aquí e acolá para amosar a prata líquida de Longa noite de pedra, unha ardora que ben pronto gañaría a todos, crítica e lectores, xa avisados da valía do escritor por portentos anteriores como O soño sulagado (1955).
Mais, visto dende os ollos dun lector de comezos do XXI, cómpre preguntarse se aquel éxito fulgurante do libro naceu unicamente da excelencia literaria que deitaba, que tamén xaora. E teño para min que boa parte da masiva aceptación daqueles versos lle veu á obra de Celso Emilio pola vía do musical. Non digo eu que Longa noite de pedra non fose sobradamente recoñecida e considerada dende o puramente textual como un fito indiscutible dende a propia hora da súa publicación. Non. O que afirmo é que se chegaron as súas composicións a converterse en verdadeiramente populares foi por arte e graza das versións que delas fixeron cantautores da Nova Canción que ben pronto alentaría. Noutras palabras: que os versos de Celso Emilio esponxaron naquela harmonía guitarresca producindo o mesmo efecto propalador que hoxe provoca a adaptación cinematográfica dun texto narrativo previo.
Na categoría Literatura galega, Poesía galega
Coas etiquetas Celso Emilio Ferreiro, Literatura galega, Longa noite de pedra, Poesía galega
1 Comentario
Miguel Anxo Fernán Vello na espiral inmóbil do tempo
Coinciden no tempo dúas publicacións que sitúan no centro da actualidade literaria galega o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Dunha parte, a prestixiosa editorial castelá Huerga & Fierro publicou hai pouco na ben coñecida colección Signos o seu poemario Territorio de la desaparición. Doutra banda, Edicións Laiovento acaba de dar á luz Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello, volume colectivo que, a modo de homenaxe, profunda no estudo dos textos líricos do autor.
A recente edición de Territorio de la desaparición pon ao alcance do público castelán un magnífico libro de versos, que xa no seu día (2004) fora distinguido co Premio da Crítica de Poesía en Lingua Galega outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios. Volve agora á circulación, pois, nunha edición bilingüe galego-castelá da que se fixeron cargo o tamén poeta Xulio L. Valcárcel e o profesor e crítico Luciano Rodríguez.
Os versos de Fernán Vello locen espléndidos na tradución de Valcárcel e Rodríguez, quen non só amosan unha moi fina captación de todos os matices semánticos e expresivos do orixinal na súa translación, senón que alí onde foi preciso establecen pontes de acomodación para termos ou imaxes singularmente enxebres que só os grandes tradutores son quen de resolver con ben.
Se son lectores na lingua de noso e no seu día non se achegaron á edición primeira do libro ou se o seu idioma de lectura é preferentemente o castelán, neste Territorio de la desaparición han atopar unha poética de fondura e lucidez reveladoras, mesmo dunha clarividencia lacerante por veces, que ergue, clamorosa, a voz dun excelente autor en plena madurez creativa.
Complementariamente, Preludios para Miguel Anxo Fernán Vello nace como unha empresa de recoñecemento plural ás dúas décadas cumpridas polo escritor chairego no eido da promoción da poesía galega a través da referencial Espiral Maior Edicións. Con tal motivo, novamente Luciano Rodríguez coordina un nutrido grupo de ensaístas (a meirande parte deles tamén poetas e mesmo compañeiros de singradura xeracional do propio Fernán Vello) que se debruzan analiticamente sobre dos diversos poemarios que, ao longo de máis de trinta anos de escrita pública, o autor de Cospeito foi dando ao prelo.
Celso Emilio Ferreiro visto por Xosé Díaz Jácome: un texto inédito
[Celanova. Praza Maior]
Escribo este post case ao mesmo tempo no que, hai exactamente cen anos, nacía Celso Emilio Ferreiro. Dona Obdulia Miguez tivo aquel portento da nosa poesía xustamente ás catro do 4 de xaneiro de 1912, na casa que ela e Venancio Ferreiro posuían na famosa Rúa Arriba celanovesa, ben significada tamén na vida doutro dos grandes de noso: Curros Enríquez.
Data tan sinalada non podía deixar de celebrarse en Criticalia, así que, a modo de homenaxe, préstame hoxe reproducir aquí integramente un artigo radiofónico ata hoxe inédito, que foi guionado —e locutado en grande parte— por Xosé Díaz Jácome e que versa, precisamente, sobre o Celso Emilio poeta.
O texto foi emitido no programa literario ‘Mensaje poético’, que o escritor mindoniense dirixiu para Radio Vigo EAJ 48 entre maio de 1955 e xullo de 1957. Neste espazo, Díaz Jácome fixo breves recensións e panoramas críticos de poesía galega, castelá e internacional, axudándose para os recitados de Manuel de la Fuente, que rapsodiaba as seleccións que el facía e que acompañaban as súas glosas.
O artigo radiofónico sobre Celso Emilio foi dos primeiriños en emitirse, pois cobrou vida nas ondas o 16 de maio de 1955, ao moi pouquiño de se publicar O soño sulagado, ao redor do cal xira o contido do mesmo.
Quero facer notar aínda un último apuntamento antes de transcribir por completo o texto mecanografado que do programa se conserva: a selección e notas foron do propio Díaz Jácome, os recitados en castelán do amentado De la Fuente, pero os recitados en galego fíxoos ¡Rosendo Cela Nova! Seguro que os sabedores han apreciar o detalle.
E velaí a transcrición, que tamén pode consultarse en imaxes neste lugar, nestoutro e aínda neste.
Na categoría Literatura galega, Poesía galega
Coas etiquetas Celso Emilio Ferreiro, Literatura galega, Poesía galega, Xosé Díaz Jácome
Leave a comment













