Category Archives: Teatro galego actual

Farsa odiseica

Da man de Ana Pontón e Lino Braxe chéganos Ulises, divertidísima adaptación teatral da homérica A Odisea que ve luz na coñecida colección Punto de Encontro de Everest Galicia con ilustracións de Xosé Cobas.

Ulises é un festival humorístico en dous actos precedidos dun preludio, intermediados por un interludio e rematados cun apuntamento de proscenio imaxinario. No seu seo, un mangado de diálogos ocorrentes e hilarantes que conseguen abeirar os heroes do mito grego humanizándoos, facéndoos próximos ao espectador actual, mesmo xogando deliberadamente cos anacronismos para achegalos aos nosos días.

Destarte, Ulises énos presentado como un botaporela abondo fato e, no fondo, sortudo; Penélope é unha indecisa miñaxoia que abanea perigosamente na liña divisoria entre a bondade ética e a parvicie inxenua; os pretendentes ao trono de Ítaca en ausencia de Ulises son tres desastres: un vello ricacho que moito recorda os anciáns namoradeiros de Castelao, un toliño que non fai senón dicir barrabasadas e un hippy fumetas insoportablemente naïf.

A amálgama dialéctica que abrolla desta fauna ben pode sospeitarse. Iso si, Pontón e Braxe respectan o desenvolvemento e resolución da trama orixinais, se ben coloran irrisoriamente as aventuras e encontros do heroe (cunhas sereas peixeiras, unha Nausica antolladiza, un Polifemo metido ao negocio da óptica ou unha Circe de falar churrigueresco e proceder ben peliculeiro) ou cargan as tintas na espera estupidizada dunha Penélope aburada.

Este feliz esperpento acaba converténdose nunha faiscante caricatura do texto homérico, unha revisión paródica e carnavalesca que nos convida a revisitar o vello mito con novos ollos, vulgarizando condutas e pensamentos ata facelos pedestremente actuais e, polo mesmo, ben máis reais que os momificados arquetipos do modelo heleno.

Farsa moi amena que arrincará sorrisos a quen lle conceda o favor da lectura e peza ideal para adaptacións de grupos teatrais amateurs ou escolares, que asegurarán coa súa posta en escena unha oferta benhumorada e luminosa que, seguro, será recibida polo público cos brazos abertos en tempos de tanto gris.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Teatro galego actual | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Nos fondos abisais

Un amigo recomendoume a lectura da peza teatral O ático, da autoría de Fernando Álvarez Bouza, de quen apenas se sabía cousa.

Publicado por Follas Novas Edicións na súa colección Follas de Teatro, este drama conta coa correspondente versión castelá, El ático, e supón o segundo libro dado ao prelo polo autor tras da recente novela El viaje de regreso (2010).

O ático espella a vida de fracturas e naufraxios dunha parella maior que consagra os días en ocupacións abondo excéntricas: ela, adiviñadora de cartas, tenta axudar —con máis pena que gloria, todo hai que dicilo— os catro clientes contados que confían nela como vedoira; el, traballador da banca xubilado, enterra as horas estomballado nunha cómoda cadeira de brazos devorando libros, divertido de confesar a quen llo pregunte que é un “morto” en vida dende hai seis anos e que, polo mesmo, a súa indolencia está xustificada.

Mais a medida que avanzamos na lectura das oito escenas do único acto do que se compón a obra descubrimos que, tras esa fachada extravagante, o que se oculta é unha traxedia familiar pola morte accidental dun fillo que fai xermolar un trauma nos seus proxenitores ao que dificilmente son quen de se subtraer.

A este amortecer vital da parella protagonista cómpre engadir as crebas dos clientes que visitan o domicilio da adiviñadora, nun bloque no que alternan a loucura ruidosa do disco pub dos baixos coa tolemia da vella coleccionista de gatos do segundo, o piso abandonado e inzado de ratos do terceiro e a súa vivenda mal teitada e paupérrima, coas gaivotas a peteirar e pular todo o día polo ruinoso tellado.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Teatro galego actual | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Tempo de soños

Os reloxos preguiceiros de Néboa é o título co que o escritor guntinés Xavier Lama gañou o V Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2010 e que agora ve luz da man de Edicións Xerais e a AGADIC.

A peza, formalmente moi dúctil e con didascalias e introito especialmente deseñados para facilitar a posible posta en escena, ofrece un retablo non moi extenso de personaxes que sostén unha trama divertidísima na que a intriga, o misterio e o humor se alían para conformar un enredo de impedimenta fantástica e moralizante mensaxe final.

Inseríndose na mellor tradición paneuropea de arquetipos do marabilloso literaturizado, Lama consegue recrear unha moi entretida historia onde os diálogos van tecendo complicidades co elemento musical —que na obra se concreta en letras de raps, hip hops e rocks entoados por diversos personaxes— e, sobre todo, coas moi suxestivas ilustracións de Xosé Tomás, quen plasmou tan acaidamente o mundo tracexado na escrita por Lama que, logo de contemplalas, se fai máis que difícil visualizar mentalmente o mundo recreado sen poñerlle as cores, os rostros, a luz dos seus debuxos.

Para os cativos da casa e para os grandes que aínda non perderon a inocencia de vivir os soños, este Os reloxos preguiceiros de Néboa de Xavier Lama é un galano que aledará coa súa lectura e que, se algunha compañía se anima a representala —o que sería grande nova e non menor acerto—, de seguro cativaría os seus espectadores.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Teatro galego actual | Coas etiquetas , , , , , | Leave a comment

Teatro (ir)radiado

Paseniño, como todo o bo que se deixa ir indo, chega á quinta convocatoria publicada o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado dende os micrófonos do programa homónimo da Radio Galega.

Desta volta, o volume que compila os textos do gañador e finalistas do certame —puntualmente tirado do prelo por Edicións Xerais, quen o edita acompañado dun cd coas versións radiofónicas emitidas— recolle catro pezas: “Paraísos” de Xosé Manuel Pacho Blanco, que foi distinguida co Premio do Xurado e mais co Premio da Audiencia a un tempo; “Como eliminar as manchas de vómito”, de Eva Freixeira Ferreira; “Carne de canón”, de Rebeca Montero Martínez e mais “Señora Carme”, de Manuel Román.

Dende experiencias estéticas e temáticas moi diversas, todas catro coinciden no poder subversivo do seu discurso, que alimenta a crítica a un mundo e unha sociedade que nos aliena, nos estupidiza e por veces mesmo nos fai virar tolos.

Por descontado, as modulacións deste plasma común son abondo irisadas e van dende a crítica política e laboral e mais a reflexión metaliteraria dos “Paraísos” de Pacho Blanco ata os universos de loucura e irrealidade dos textos de Freixeira Ferreira ou Manuel Román, pasando pola denuncia da hipocrisía social e a manipulación dos medios que aparece na obra de Montero Martínez.

Estimulantes, incómodas e lucidamente reflexivas, as apostas teatrais (ir)radiadas dende este V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico son a mellor mostra de que a palabra, cando se aveluda aceiradamente, é daga donda que sabe ben ferir. Coidado ao ler, non vaia cortarse, que é moito o gume.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Teatro galego actual | Coas etiquetas , , , , , , | Leave a comment