Category Archives: Sen clasificar

Rexina Vega, en corpo aberto

Hai novelas que unha desexa contar e outras que necesita contar. Hai historias que se idean como ficcións recreadoras que retratan, que recapitulan, que relembran. Outras, pola contra, son coma un urro na noite, unha ladaíña xorda que roe os sanguimiños e que hai que botar fóra, purgalas da medula mesma na que enquistaron, esconxuralas.

Porque, non nos enganemos, Dark butterfly, de Rexina Vega, é, antes nada, un exorcismo literario. A expulsión á luz do mundo dunha sombra inconmensurable que habitaba o ser e a escrita desta viguesa. Neste sentido, a novela é a pedra da paciencia que serviu á autora de propicio exvoto, unha limpeza de kharma que deu como resultado unha narración intensa, doída e radical.

O relato do esfarelamento da propia identidade. A deriva autodisolutiva do individuo. Velaí o que Dark butterfly nos achega na historia dunha moza esquizofrénica que padece sucesivos internamentos psiquiátricos, incapaz de reconducir a súa vida fóra do sanatorio.

Importa na novela, e moito, a focalización na narración. Ese avolto mundo interior, ese ludrio anímico no que vai enzoufándose a protagonista chega a nós a través de retallos do seu diario, de reproducións epistolares, de anacos de informes médicos e mesmo de transcricións de receitas, unha polifonía invertebrada, deliberadamente fragmentaria coa que se procura reflectir a lóxica patolóxica da enferma, un discurso bombardeado, no que apenas se teñen en pé uns cantos esteos estruturais que tentan revelarnos o demo interior que os esquizos afastan creando unha arte propia, abrazando unha lingua outra (no caso que nos ocupa o inglés, por veces tamén o latín) como máscara evasiva, como anteface co que esquecer unha identidade doente, que se sabe derrotada e imposible.

Dende o propio título, Dark butterfly debuxa un mesto mapa de símbolos que deseñan toda a arquitectura interior da novela. Velaí están os mouros lepidópteros, fermosos e terribles a un tempo, metáfora da caída, da perda dunha inocencia orixinal definitivamente alterada, devastada; mais cómpre non esquecer tampouco o profético nome doutro dos protagonistas, Elías; a noite de Valpurxis á que en determinada pasaxe se alude;  a transgresora viaxe de Alicia ou a xudía crucifixión, entre moitos outros.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Narrativa galega actual, Sen clasificar | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment

Críticalia eirada

O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro.

No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano.

Por se tedes curiosidade por saber o que sobre o oficio crítico e outros asuntos literarios alí se dixo, deixo aquí o vídeo no que do minuto 18:05 en diante poderedes vernos e oírnos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Literatura galega, Sen clasificar, Varia | Coas etiquetas , , | Leave a comment

Memorias de Xosé Fernández Ferreiro

Non é o memorialístico un xénero abondoso na literatura galega. Endebén, é certo que nos últimos anos foi medrando entre nós o número de títulos desta natureza, o que fai que actualmente contemos con mostras notables neste eido.

A última das que pasou polo prelo é De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde, asinada polo narrador e periodista de Nogueira de Ramuín Xosé Fernández Ferreiro e incluída na serie Memorias da colección Crónica de Xerais. Case dous centos de páxinas que naceron como ampliación dunha longa conferencia pronunciada polo autor con motivo da homenaxe que, en novembro do 2009, o Pen Clube de Galicia lle tributou en Santo Estevo de Ribas de Sil.

Estruturada nunha manchea de capítulos breves de apenas un par de planas de extensión, a obra responde ao anunciado na cuberta, pois dá cumprida razón da nacenza do grupo literario Xente Nova no Ourense de primeiros dos cincuenta do pasado século e mais do posterior xurdimento (na primavera do 58) do grupo Brais Pinto en Madrid.

Do primeiro dísenos que o compuñan, amais do autor, Víctor Campio Pereiro, César Arias, Serafín Gómez Pato e Daniel Conde Mir e que, alén da puntual participación dos seus membros nalgún faladoiro literario da época, tivo como principal actividade a elaboración dunha revista bilingüe galego-castelá que ía levar o mesmo nome do grupo pero que, por ser prohibida pola censura, endexamais chegou a imprentarse.

Máis extenso e, tamén si, relevante para a historiografía sociocultural e literaria galega é o relato moi detallado que Fernández Ferreiro fai da aparición e andaina de Brais Pinto, que formaron, xunto a el, Xosé Luís Méndez Ferrín, César Arias, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez, Bernardino Graña e Ramón Lorenzo, os “sete magníficos”, como os chamou o seu amigo e confrade de aventuras madrileñas Xavier Costa Clavell, septeto que pronto pasaría a ter nove compoñentes, pois aos amentados acabaron sumándose pouco despois Alexandre Cribeiro e Herminio Barreiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Na lúa de Nadal

[Ilustración interior do libro. Noemí López]

Hoxe quero recomendarlles un libro no que se dá razón da historia e tradición de canto rito, costume, celebración ou acto festivo ten lugar nas datas do Nadal: Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, da autoría do narrador e etnógrafo mindoniense Antonio Reigosa, a quen debemos unha longa nómina de títulos que se contan entre o melloriño das recuperacións recreadoras do noso acervo literario de tradición oral.

Exquisitamente editado por Edicións Xerais, que o presenta a modo de álbum ilustrado de mediano formato, incorpora magníficos e moi coloristas debuxos de Noemí López, unha das mellores ilustradoras galegas do momento.

Escrito pulcra e expositivamente por Reigosa, mestre da didáctica divulgativa onde os haxa, a limpidez e gracilidade estilísticas das que se serve fano máis que accesible para calquera lector que a el se achegue, sen por iso renunciar a un fraseo moi vizoso no caudal léxico empregado, que sabe do valor da semántica dialectal para crear un discurso poderoso e de admirable policromía verbal.

Cómpre saber que Trece noites, trece lúas é unha moi completa monografía de tema natalicio, onde se responden cuestións tan intrigantes como o porqué da celebración do Nadal xustamente o día 25 de decembro, cando parece que Xesús debeu nacer noutra data; o carácter ecléctico desta conmemoración que se remonta a mitos animistas e bebe de tradicións orientais, exipcias e grecolatinas; os preparativos adventicios da data e o papel de San Nicolao (logo Santa Claus/Papa Noël), Santa Lucía o a orixe dos beléns e as árbores do Nadal; as tradicións propias da Noiteboa (o tizón ou lume novo, as flores de Pascua, o acivro, a Misa do Galo…), Nadal (con reprodución de abundante repertorio de literatura galega de tradición oral sobre a fuxida a Exipto da Sagrada Familia e as lendarias aventuras que esta viviría no seu éxodo), Noitevella (con explicación da nacenza das carreiras de San Silvestre e os prognósticos meteorolóxicos das sortes, resortes, contrasortes e demais, sen esquecer a historia de tradicións como as das doce uvas), Aninovo (coa súa raíz no bifronte Xano, a importancia de San Manuel e acaídas reflexións sobre a variabilidade extrema do comezo do ano dependendo do pobo ou do tempo concreto no que nos situemos) e o día de Reis (coa análise comparativa de figuras equivalentes como as dos enxebres Apalpador, Xan Fiz ou Pandigueiro en comparanza cos importados Reis Magos, Papa Noël ou Santa Claus).

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Ensaio galego actual, Sen clasificar | Coas etiquetas , , , , | Leave a comment