Visitas
Parlamento das Letras
Parlamentos recentes
Outras lecturas críticas (1991-2010)
Amilladoiro
- francisco x. fernández naval en Parlamento das Letras: Eva Veiga
- Charo Portela Yáñez en Para ler a Paz Andrade
- Armando Requeixo en Arañeira vital
- Anónimo en Arañeira vital
- Antón Riveiro Coello en Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
Estou a ler
Próximos:
- Parafusos, de Óscar Seoane Casqueiro
- 2044, de Eduardo Santiago
- Espirais, de Javier Mosquera Saravia
- Anoiteceres estraños, de Varios autores
- O código da vincha, de Calros Solla
Actuais:
Recentes:
- A aldea, de Xavier Frías Conde
- Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz
- Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela Yáñez
- Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro
- Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño
Histórico
Categorías
- Banda deseñada
- Crítica literaria
- Derivas
- Día de Feira
- Ensaio galego
- Ensaio galego actual
- Literatura galega
- Literatura galega de tradición oral
- Literatura infantoxuvenil
- Narrativa galega
- Narrativa galega actual
- Outras literaturas
- Parlamento das Letras
- Poesía galega
- Poesía galega actual
- Sen clasificar
- Teatro galego
- Teatro galego actual
- Tradución
- Varia
Category Archives: Varia
Os ollos das palabras
Non é tan frecuente atopar por xunto calidade literaria e mais excelencia pictórica, musical ou escultórica nun mesmo proxecto. Por iso é tan de apreciar a obra dos creadores autenticamente ambidextros, que conciben tales eidos artísticos como un mesmo cosmos comunicante que se modula con predominio do icónico, do matérico, do melódico ou do verbal segundo a coordenada concreta, pero que figura sempre presidido por un mesmo pulo de ambición conceptual e estética.
Insisto nesta idea á vista da aparición do volume Os ollos das palabras, libro catálogo editado con motivo da exposición homónima que o escultor e escritor mindoniense Caxigueiro e mais o poeta e pintor celanovés Baldo Ramos manteñen aberta dende o pasado 9 de marzo e ata o vindeiro 10 de xuño na Cidade da Cultura do monte Gaiás.
Quen deixe ir a vista por este Os ollos da palabra —tanto me ten que o faga visitando a exposición como percorrendo as moi coidadas planas do seu catálogo oficial, aínda que o meu consello é que non se priven de ambas as dúas experiencias— poderá comprobar ata que punto a lucidez expresiva e metapoética de Ramos cobra pleno sentido na súa extensionalidade caligráfica, abríndose a novos continentes de libros-cadro onde o diálogo entre o trazo pictórico e a solución semántica son unha e a mesma cousa.
De igual maneira, deixarse tramar polos volumes e refractarios escultóricos de Caxigueiro axudará a comprender mellor a súa percepción versal do espazo, a linguificación da realidade circundante, dos seus baleiros e transicións, da súa permanencia na corporalidade da escrita que (re)funda unha obxectualidade literaturizada.
O que Ramos e Caxigueiro ofrecen é un verdadeiro festival para os sentidos. Unha romaría de libros de artista, poemas visuais, cartafoles serigrafados, refractarios lacados, instantáneas e aglomerados, aceiros inox e mais escaiolas en composicións, formando todos eles un conxunto de gran suxestión sensorial e admirable integración harmónica.
De por parte, os que se fagan co catálogo han poder gozar non só da reprodución fotográfica de moitas destas marabillas da exposición e aínda doutras que ficaron fóra da mesma, senón, sobre todo, da regalía de dous micropoemarios de Ramos e Caxigueiro, o primeiro deles contendo versos inéditos a canda outros de anteriores libros seus, o segundo rigorosamente novo e, todos dous, complementados por un curioso poema final a catro mans.
O libro complétase aínda con dous breves prólogos de natureza moi dispar en todos os sentidos: un discurso historicista e académico de Antonio Garrido, centrado máis en descubrirnos a nacenza da irmandade pictórico-escultórico-literaria dende os tempos das cavernas ata as vangardas do pasado século que en falarnos de Caxigueiro e Ramos (dos que apenas se se achegan unhas fichas curriculares doadamente googlizables) e un excelente miniensaio do tamén poeta Eduardo Estévez, onde con admirable condensación se identifican algúns dos elementos definitorios dos universos creativos dos dous artistas, conseguindo revelarnos con acuidade e capacidade de evocación o porqué da feliz maridaxe das súas creacións.
Anímense a visitar a extraordinaria exposición Os ollos das palabras e fáganse tamén co seu catálogo. Asegúrolles unha experiencia artística inesquecible, o descubrimento dun territorio mestizo, feraz e poliédrico que os deixará gratamente sorprendidos.
[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 2-5-2012]
Na categoría Crítica literaria, Poesía galega actual, Varia
Coas etiquetas Baldo Ramos, Caxigueiro, Cidade da Cultura, Crítica literaria, Os ollos das palabras, Poesía galega actual, Varia, Xunta de Galicia
Leave a comment
Olga Novo e Antón Riveiro Coello, premios da Crítica
No mediodía de onte, as compañeiras e compañeiros da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL), reunidos na cidade de Soria, fallaron os Premios da Crítica aos mellores libros publicados durante o ano pasado en lingua castelá, catalá, vasca e galega.
Como xa informou abondosamente a prensa estatal, os gañadores para o caso castelán foron o narrador zaragozano Ignacio Martínez de Pisón pola súa novela El día de mañana e mais o poeta valenciano Tomás Segovia, que recibe esta distinción postumamente polo seu derradeiro poemario, Estuario, publicado pouco antes de falecer no novembro pasado.
Os xa veteranos Jaume Cabré coa novela Jo confesso e mais Perejaume co libro de versos Pagésiques foron os premiados na modalidade de lingua catalá, namentres que os coñecidos Harkaitz Cano co texto narrativo Twist e mais Aritz Gorrotxategi cos versos de Hariaz beste recibiron o galardón en éuscaro.
Canto á nosa literatura, os premiados foron o poemario Cráter de Olga Novo e mais a novela Laura no deserto de Antón Riveiro Coello.
Novo e mais Riveiro Coello reciben, así, un importante recoñecemento grazas ás deliberacións da Sección de Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), quen nunha xuntanza levada a cabo o pasado venres día 13 de abril na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago elevaba a proposta dos seus nomes como gañadores, proposta que sancionou o plenario da AECL na tarde do venres día 20 e fixo publica onte.
Dende Criticalia —e como membro tanto da Sección de Crítica da AELG coma da AECL que participou das votacións conducentes ao fallo— quero felicitar a ambos os dous gañadores, pois xa manifestei publicamente con anterioridade á concesión do premio a moi positiva valoración que me merecen tanto o poemario Cráter como a novela Laura no deserto.
Neste sentido, a todos aqueles que queiran coñecer porqués dun recoñecemento como este do Premio da Crítica na modalidade de Poesía en Lingua Galega aos versos de Olga Novo, convídoos a clicar na imaxe da cuberta de Cráter que figura ao pé destas liñas, onde atoparán sentido a esta decisión colexiada da Sección de Crítica da AELG.
De igual maneira, os que desexen testemuñar de primeira man valores atesourados na longa novela Laura no deserto, poden clicar na imaxe do libro que ilustra este parágrafo, onde se refiren non poucas bondades do título asinado por Antón Riveiro Coello e aplaudido tamén por quen compoñen a Sección de Crítica da AELG.
Ítem máis: non só a excelencia de Cráter e mais de Laura no deserto foi obxecto de atención en anteriores entradas desta bitácora. Tamén a traxectoria e figura literaria de ambos os dous premiados se seguiu en cadansúa longa entrevista.
Por tanto, os interesados en saber máis e mellor da xa longa e venturosa andaina do escritor limego Antón Riveiro Coello poden profundar no coñecemento da mesma consultando a entrevista que ao longo de toda esta mesma semana figurou exposta na sección Parlamento das Letras, á que poden acceder clicando aquí.
Finalmente, os que se animen a coñecer de preto a intensa e moi ben valorada traxectoria da poeta, ensaísta e tradutora da Pobra de Brollón Olga Novo, deben saber que tamén o Parlamento das Letras se honrou coa súas palabras, que poden seguir clicando neste enlace.
Críticalia eirada
O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro.
No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano.
Por se tedes curiosidade por saber o que sobre o oficio crítico e outros asuntos literarios alí se dixo, deixo aquí o vídeo no que do minuto 18:05 en diante poderedes vernos e oírnos.
Na categoría Literatura galega, Sen clasificar, Varia
Coas etiquetas Criticalia, Eirado, Literatura galega
Leave a comment












