Tag Archives: Páxinas de Carricanta

Crónicas da Carricanta

Ana María Fernández volve sorprender a pequenos e maiores coa súa última obra, o libro de poemas Páxinas de Carricanta, publicado pola división galega da Editorial Everest na súa colección Punto de Encontro.

Este singular poemario asenta a súa orixinalidade no particular enfoque emisor, pois a voz lírica que nas composicións se descobre é, como do propio título pode deducirse, a dunha carricanta que, dende os seus ollos de insecto, vai cantando as súas vivencias no medio natural e aínda alén.

Ora ben, sobre destes versos de Fernández paira máis a sombra do franciscanismo neovirxilianista da escola mindoniense que a ascendencia cascuda kafkiana, pois son estes textos nos que a tenrura e o abraio co que se tratan as realidades máis nimias dos campos, bosques e montes se fai moi visible.

De por parte, esta fábula poética —ilustrada a toda plana polas magníficas fotos outonais de efecto flou de Daniel Puente Bello— acaba por devolvernos unha consideración abondo reflexiva sobre das grandes cuestións que afectan os seres humanos, mais revestida de aparente peripecia de melancólico insecto, o que consegue abrir as posibilidades interpretativas do volume ao lectorado máis novo, quen poderá facer unha achega menos simbólica e gozar igualmente coa descrición do reino animal e das andainas desta peripatética carricanta por entre os seus conxéneres e demais veciñanza animal e vexetal.

Cunha formulística que fai convivir con fortuna os metros máis clásicos co versolibrismo máis actual, as poesías de Páxinas de Carricanta arrincan por veces coruscantes faíscas estilísticas nas que algunhas metáforas e símiles vernizan esta escrita de calidade, recomendable por igual para grandes e cativos.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Na categoría Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Poesía galega actual | Coas etiquetas , , , , , , | 2 Comentarios